Hai seis anos era a alcaldesa dunha vila de sete mil habitantes, mais esta cuarta feira consagrouse como un importante valor para o seu partido.
As bases déronlle o seu apoio a Palin
Sarah Palin, número dous do candidato republicano á Presidencia dos Estados Unidos, John McCain, namorou as bases conservadoras co seu discurso desta cuarta feira na convención que o partido organiza en Saint Paul (Minessota).
Tanto é así que un dos presentadores máis importantes da canle de televisión estadounidense CNN manifestou que se podería estar ou non de acordo co contido do seu discurso, mais que sen dúbida -tomando prestado o título do filme de George Cukor de 1954- "velaquí unha estrela".
O discurso da ultraconservadora gobernadora do estado de Alaska, duro e agresivo contra o candidato do Partido Demócrata, Barack Obama, era o máis esperado da convención e non defraudou tendo en conta os tres minutos de aplausos cos que foi correspondido.
Palin tiña a oportunidade de dar unha explicacións aos seus potenciais votantes sobre determinados asuntos revelados estes días: o embarazo da súa filla solteira de 17 anos (algo mal visto polos evanxelistas, sector ao que representa); a investigación á que está sometida por abuso de poder; ou a súa pertenza no pasado ao partido independentista de Alaska, entre outras cuestións.
Discurso populista
"Acepto o desafío dunha dura loita electoral", dixo a que até hai seis anos era alcaldesa dunha pequena vila de sete mil habitantes. "Aprendín nos últimos días que se un non é membro da elite de Washington, algúns na prensa consideran que o candidato carece de cualificacións só por iso", engadiu.
"Mais eu non vou a Washington para recibir a súa boa opinión, vou a Washington para servir á xente deste país", sostivo. "A nosa familia ten os mesmos altibaixos que calquera outra; os mesmos desafíos e as mesmas alegrías", declarou Palin, que ten un fillo de catro meses coa síndrome de Down.