Un dos grupos máis influíntes na música galega das últimas décadas actuará no Auditorio de Galicia o 18 e o 19 de outubro.
Case dúas décadas despois da súa última actuación, volve o grupo Fuxan os ventos. E farao mediante o espectáculo Terra de soños. Membros da mítica banda de música tradicional galega subirán ao escenario na compaña dalgúns dos seus mellores amigos para reinterpretar algúns dos seus grandes éxitos, tanto para aqueles que viviron a súa época de efervescencia como para novos públicos que medraron coa música de Fuxan os ventos como trasfondo.
O espectáculo, que se vai presentar no Auditorio de Galicia, en Compostela, o 18 e o 19 de outubro, dentro do ciclo Sons da Diversidade, da Concellaría de Cultura da cidade, contará con arranxos de Xosé Lois Romero, quen tamén dirixirá unha banda que servirá de acompañamento. Colaborarán destacados músicos do panorama galego actual, que lle darán un novo aire ás composicións de Fuxan os ventos, cunha mestura entre a canción popular galega e as novas formas de expresión do novo folc.
Fuxan os ventos volve contactar co público nun momento en que se recoñece e se pon en valor a súa achega á cultura galega contemporánea, despois de ter oito discos editados e unha traxectoria de tres décadas.
O grupo fundouse en 1972 co nome de Folk 72, para participar no Festival musical das San Lucas de Mondoñedo. Xusto despois adoptou a denominación de Fuxan os ventos, que era o título da canción coa que gañaron o festival. O seu primeiro disco, do mesmo nome ca o grupo, publicouse en 1976.
Este foi un dos seus meirandes éxitos, Sementeira, que lle deu título ao seu cuarto álbum, publicado en 1978. O tema ten letra de Lois Álvarez Pousa e música de Xosé Luís Rivas Cruz.