Santalla (A Pontenova) acolleu este evento no que participaron asociacións de Portugal, Euskadi, Asturias, Castela León e Galiza.
Torneo de bolo celta, da chave, da billarda ou de tirapedras. Os xogos tradicionais volveron a Santalla (A Pontenova) na segunda edición da Mostra de Xogos e Deportes Tradicionais, na que competiron asociacións portuguesas, vascas, asturianas, leonesas e galegas. A vila lucense, na que habitualmente só viven trinta veciños, reuniu nesta fin de semana a perto de catro mil persoas, moitas das cales participaron activamente en todas as propostas lúdico – deportivas.
Disputáronse unhas cen actividades, nas que estiveron 50 asociacións diferentes, polo que se pode dicir que a xornada foi ben completa. Iniciouse a primeira hora co torneo de bolo celta, seguido do de chave e do de billarda. Ao tempo, a Federación Bizkaína de Xogos e Deportes Vascos ofreceu exhibicións de levantamento de pedras e de fardos. Seguidamente, os asturianos do Club Deportivo 6 conceyos amosou o corte de troncos en altura, tanto con hachu como con tronzón.
Xa pola tarde, houbo unha exhibición de loita tradicional e celebrouse o campionato de tirapedras, organizado pola Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional, e o de soga – tira, no que até un cento de persoas se sumaron a arrastrar do cabo dunha corda. Non faltou tampouco a festa nin a música, que correu a cargo de Treixadura Gaiteiros e Orfeón, ademais do grupo portugués Chuchurumel.
Entrega de premios
Os resultados das competicións depararon os seguintes gañadores: Fernando González de Bolos do Ceán, de Nigrán, foi o vencedor no torneo de bolo celta; A Asociación Cultural Deportiva da Chave, de Ourense, gañou no torneo de chave; Daniel dos Billardeiros venceu na billarda; e José Luis González foi o primeiro no torneo de tirapedras.
Ademais, a Dirección Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia aproveitou o evento para entregar os trofeos da Liga Galega de Chave, que deixou no liderado á Asociación Cultural Deportiva da Chave de Ourense.