Na actualidade hai uns 60 buques -a maioría, galegos- faenando nestas augas, nos que traballan perto de medio milleiro de persoas.
A deputada do BNG no Congreso Olaia Fernández Davila reclamoulle ao goberno español que impulse iniciativas ante a "inquietude e incerteza" do sector pesqueiro, xeradas pola proposta de ruptura dos acordos da UE e Mauritania logo do recente golpe de estado no país africano.
Nunha iniciativa rexistrada na Cámara Baixa, a deputada nacionalista pregúntalle ao Executivo sobre a súa posición ante a proposta do comisario europeo de Cooperación de pórlle fin ao Acordo de Pesca con Mauritania e transmítelle a "inquietude" do sector.
Segundo recorda Davila, na actualidade hai uns 60 buques -a maioría, galegos- faenando nestas augas, nos que traballan entre 400 e 450 persoas. Xa que logo, Davila cuestiona se o goberno "é consciente da inquietude do sector pesqueiro" e se "vai tomar a iniciativa no seo da Unión Europea" para "promover o restabelecemento da democracia en Mauritania".