A Romaxe xa é este sábado. Aquí tendes algunha información sobre a bisbarra que ides pisar así como os mellores xeitos de chegar á festa e máis os horarios aproximados.
Situado na Comarca da Terra Chá o Concello da Pastoriza conta na actualidade con máis de 4.000 habitantes. A meirande parte desta poboación, o 75%, traballa na agricultura e gandeiría. Nesta economía agropecuaria ten moito que ver a concentración parcelaria que permitiu a modernización das explotacións así como a especialización gandeira, coa construción de novas instalacións e o aumento da produtividade do campo. O resultado é un concello con máis de 20.000 cabezas de gando bovino destinado maioritariamente á produción de leite e carne.
Da súa prehistoria e historia antiga sinalar a presenza de diversos restos, destacando sobre todo unha estela antropomórfica de época romana. Nos séculos V e VI, cando os habitantes das Illas Británicas foron obrigados a abandonar a súa patria diante do avance dos anglosaxóns algúns deles chegaron á costa de Lugo, penetraron polo val do Masma e chegaron ao municipio de Pastoriza e asentáronse nunha ampla chaira que dende entón foi coñecida como Britonia (actual Bretoña). A invasión musulmana do século VII concentrou en Bretoña a numerosos bispos e ocasionou a destrucción do asentamento e a fuxida da poboación supervivente a San Martiño de Mondoñedo e Oviedo. Nos séculos seguintes, gran parte de Bretoña aparece como terra aforada polo cabido mindoniense ou polos mosteiros de Meira e Lourenzá. Dende entón mencionar só que no ano 1821 se constituíu como concello (baixo o nome de Vián) e no 1840 adoptou a actual denominación: A Pastoriza.
Para os que vos acheguedes á Romaxe con máis tempo animarvos a visitar a Igrexa de Bretoña. Da igrexa primitiva quedan as ruínas ao igual que das dependencias do pazo, a actual ten arcos románicos e varias inscricións referentes á consagración do templo na honra a Santa María da Paz, probablemente do século IX.
Non o esquezades, pois: o 13 de setembro seguimos celebrando Fe e Galeguidade na praia de Baltar, co seguinte horario: 11:00 h. Acollida. 12:00 h. Celebración. 14:00 h. Xantar. 16:00 h. Festa. 18:30 h. Oración e despedida.
NB: Se queredes contar o día 13 con pan elaborado na zona, tedes que chamar a Manolo ao teléfono 982- 508237 e facer o voso encargo.
Como chegar?
Para chegar ata Baltar hai dous puntos de referencia: Lugo e Vilalba.
1.- Dende Lugo. A mellor opción é coller, dende a autovía, a estrada N-640, que vai a Meira. Seguimos esa estrada, aproximadamente, 30 quilómetros ata as proximidades de Meira. Alí collemos á esquerda pola estrada LU-122 e aos 300 metros a LU-120. Aos dous quilómetros teremos que xirar á dereita e logo seguir por unhas pistas. Pero dende a saída da N-640 estará sinalizado.
2.- Dende Vilalba. Collemos a estrada LU-120 en dirección Meira. 29 quilómetros despois deberemos coller á esquerda e seguir por unhas pistas, pero estará sinalizado. Esta opción permitiravos percorrer a recta máis longa de Galicia.