Suárez Canal descarta a convocatoria da Mesa do Leite, tal e como vén de solicitar Unións Agrarias, quen esixiu á Xunta que facilite datos sobre as importacións de cada industria.
As centrais agrarias do país están a denunciar estes días o baixo prezo que a industria láctea está a pagar polo leite en orixe. O gandeiro segue a cobrar uns 36 céntimos por cada litro, tres menos que o mesmo mes do ano pasado, mentres que as compañías se permitiron subir o prezo ao consumidor nun 17%. Precisamente Unións Agrarias vén de pedir á administración galega e á central que facilite os datos individualizados sobre as importacións de leite realizadas polas distintas empresas que operan no sector, para garantir o dereito do consumidor a saber de onde procede o alimento que adquire. Segundo este sindicato, estase a desenvolver unha "campaña de información interesada" que fala dun suposto excedente de leite, que está a ser aproveitada pola industria para non aplicar a habitual suba do prezo do leite aos produtores. Neste sentido, o secretario xeral de UUAA, Roberto García, pide á Consellería de Medio Rural que convoque o vindeiro mes a Mesa do Leite.
Pola súa banda, o conselleiro deste departamento, Alfredo Suárez Canal, admitiu "elementos de preocupación", pero subliñou que os axentes do sector dispoñen de instrumentos para afrontar "con perspectiva positiva" o futuro. Así, adiantou que o vindeiro mes se convocarán as comisións de seguimento que regularán as relacións entre produtores e industrias para que poidan subscribir contratos.
Contrato homologado
Suárez Canal emprazou así a gandeiros e empresas a impulsar "de forma decisiva" os contratos homologados no vindeiro mes de setembro. Neste sentido, subliñou que este será un mecanismo de estabilidade para evitar os actuais problemas de recollida do leite. Precisamente sobre este particular tamén falou Unións Agrarias, quen demanda tanto á Consellaría de Medio Rural como ao Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño (MARM) que unifiquen os seus modelos de contrato.
A Consellaría tamén adiantou que analizará os indicadores do Observatorio do Sector Lácteo para coñecer con criterios obxectivos cal é a evolución do mercado e os custos de produción. Finalmente, Suárez Canal confiou en que o descenso do prezo do petróleo e os pensos animais estabilicen estes gastos e vencellou a actual situación do sector co "abusivo" anuncio do fin do sistema de cotas en 2015.