Kevil Cogill admitiu ter pendurado na súa web nove temas inéditos da banda estadounidense. Terá que acudir a xuízo.
Axl Rose, cantante de Guns N' Roses / Flickr: rior4
Axentes do FBI arrestaron en Culver City (California, EUA) un blogueiro sospeitoso de publicar na súa web cancións dun álbum inédito do grupo de rock Guns N' Roses. Kevin Cogill, de 27 anos, foi detido e posto a diposición xudicial o mércores, onde se lle impuxo unha fianza de 10.000 dólares, por presuntamente infrinxir as leis federais de dereitos de autor.
Segundo o corpo policial federal, Cogill fixo públicas nove cancións inéditas do grupo musical na súa web no mes de xuño, aínda que despois foron retiradas. O acusado admitiu ter pendurado os temas na internet, o que os fiscais consideran que puido provocar perdas económicas "significativas" para a banda.
Cogill, ao que non se lle restrinxiu o uso da rede, terá que comparecer perante o tribunal o 17 de setembro. Os temas formaban parte do álbum 'Chinese Democracy', que o grupo leva preparando dende hai máis dunha década.