O galardón, destinado a pemes de menos de cinco anos de antigüidade, aplícase a propostas baseadas en Galiza.
O Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG) volve convocar o premio Gerardo García Campos, que distingue a mellor iniciativa empresarial no sector das Tecnoloxías da Información e da Comunicación. O galardón, que chega á súa sexta edición, está dotado con 6.000 euros.
O premio entregarase na XIII Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, que se vai desenvolver o 7 de novembro no Gran Hotel da Toxa. O seu obxectivo é recoñecer un proxecto empresarial emerxente que, ou ben destaque na introdución das novas tecnoloxías en procesos tradicionais, ou desenvolva produtos aplicábeis en mercados amplos, orientados á exportacións, cree emprego tecnolóxico, sexa unha actividade en I+D+i, cree contidos no sector das TIC ou desenvolva produtos de interese social.
Poden aspirar ao premio pequenas e medianas empresas do estado relacionadas co sector e que teñan menos de cinco anos de antigüidade. Ademais, deberán estar vencelladas a Galiza e os seus proxectos teren beneficio sobre o país. Para conceder o galardón terase en conta, principalmente, a viabilidade das propostas.