O colectivo de escritores coida necesario impulsar as estruturas internacionais de promoción da lingua e da cultura galegas.
A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) emitiu un comunicado para lamentar "profundamente as declaracións de George Steiner a respecto do noso idioma e da nosa literatura". A entidade amosa a súa sorpresa polo feito de que "unha persoa de probada valía intelectual, que no seu día recibiu o premio Príncipe de Asturias da Comunicación, manifeste un descoñecemento tan elevado da nosa literatura e non teña reparos en demostralo".
A AELG refírese a entrevista concedida por Steiner, do que di que amosou "un total desprezo polo que non coñece, facendo gala da súa ignorancia e demostrando unha nula gratitude cos cidadáns do Estado que un día o premiou". En calquera caso, a AELG quere pensar que non se trata dun prexuízo, senón de "descoñecemento temerario da nosa tradición literaria", polo que convida a George Steiner "a visitar o noso país e coñecer a nosa lingua e a nosa cultura", que "aínda hoxe é obxecto de admiración e estudo en todos os países do mundo".
Para a AELG, estas declaracións demostran que é necesario "impulsar as estruturas estábeis xa existentes e espalladas polo mundo, destinadas á promoción e ensino da lingua e da cultura galegas" e crear outras que apoien a "necesaria internacionalización da nosa lingua e cultura desde presupostos claramente identificadores dunha terra con cultura milenaria e unha identidade propia".