Fernande Viégas e Martin Wattenberg presentan na rede unha análise visual por xéneros das palabras máis empregadas nas cancións en relación coa anatomía humana.
Un dos traballos enmarcados dentro do proxecto Fleshmap presenta unha visión moi '2.0' da música en relación co corpo humano. Os artistas Fernanda Viégas e Martin Wattenberg analizaron unhas 10.000 cancións para descubrir de que partes da anatomía falaban máis e representáronas graficamente divididas por xéneros. Os resultados son, cando menos, sorprendentes.
Segundo informa Wired, a meirande parte das cancións e dos xéneros falan principalmente dos ollos, aínda que o blues e o gospel refírense máis ás mans (concretamente a erguelas e a aplaudir). A excepción está no hip-hop, xénero onde o cu cobra especial protagonismo. De feito, este tipo de música é o que fala de máis partes do corpo e, concretamente, a que fai máis referencias sexuais.
Os contidos corporais da música aparecen representados con imaxes de cada unha das partes cun tamaño proporcional á súa frecuencia de aparición nos temas de cada xénero, ao estilo das nubes de palabras. O proxecto preséntase como un estudo "da relación entre a linguaxe e o corpo", e amósase de xeito intuitivo.
O proxecto Listen de Viégas e Wattenberg xa pasou polo MoMA de Nova York, polo Instituto de Artes Contemporáneas de Londres e mais polo Museo Whitney de Arte Americana. Tamén se pode consultar libremente na rede.