Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
comunicado greenpeace

Os supermercados, cómplices da desaparición dos caladoiros de peixe

As políticas de compra sustentábel das grandes superficies son inexistentes, insuficientes ou sinxelamente non se cumpren.

Redacción - 13:15 21/08/2008

Greenpeace presentou esta semana en Cádiz, a bordo do Arctic Sunrise, o seu informe Unha receita para o desastre, unha listaxe de supermercados onde analiza a política de compra de peixe das principais grandes superficies do Estado Español, do que tiran como conclusión que ningunha cumpre os mínimos esixíbeis.

O Estado Español é un dos maiores centros mundiais de consumo de produtos pesqueiros mais até o de agora ningún supermercado prestou atención ao papel que xogan á hora de mellorar a sobreexplotación dos nosos mares. Greenpeace pide que os supermercados adopten de inmediato unha política de compra sustentábel, a declaración dunha rede global de reservas mariñas que protexa o 40% da superficie dos océanos, recuperar a saúde dos stocks pesqueiros e e salvagardar a vida mariña da destrución e o colapso.

A organización considera que gobernos, pescadores, consumidores e grandes superficies comerciais teñen un papel fundamental á hora de parar o declive dos recursos pesqueiros nos mares de todo o mundo.

“Os supermercados son cómplices da destrución dos océanos ao non se comprometer coa sustentabilidade dos produtos pesqueiros”, sinalou Paloma Colmenarejo, responsábel da campaña Océanos, que tamén lembrou que “os consumidores teñen dereito a que os supermercados lles garantan que todos os produtos son sustentábeis, posto que eles non teñen acceso a toda a información necesaria.

Dende o pasado mes de maio, Greenpeace ten contactado cos principais supermercados estatais, solicitando información acerca dos criterios que escollen á hora de mercar o peixe que logo venden.

No estudo avaliáronse diferentes aspectos como a presenza de especies incluídas na Lista vermella de Greenpeace de especies pesqueiras para o Estado Español, a política de adquisición e etiquetaxe dos produtos pesqueiros ou mesmo o xeito como promocionan novos produtos anunciados como sustentábeis. Con toda esta información, os ecoloxistas elaboraron unha clasificación de maior a menor puntuación, no que se comproba que as políticas de compra das grandes superficies son inexistentes, insuficientes ou sinxelamente non se cumpren.

Na listaxe, o supermercado mellor parado é o alemán LIDL, cunha puntuación de 73 puntos sobre 252 posíbeis, e á cola fica Mercadona, que non acada máis que tres puntos.

Esta campaña de Greenpeace ven no marco dun proxecto internacional da organización que xa conseguiu que os principais supermercados do norte de Europa deixaran de comercializar moitos produtos pesqueiros obtidos con métodos de pesca insustentábeis.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: