Verdegaia, SOS Courel e Insectarium Virtual convidan a participar nunha xornada de documentación en imaxes da biodiversidade deste espazo natural.
Será o próximo 6 de setembro na Serra d'O Courel cando teña lugar a xornada de "testing". Trátase dunha actividade consistente en xuntar un feixe de persoas que combinen as afeccións da fotografía e a natureza para tiraren un golpe de fotografías de flora e fauna do lugar. Posteriormente, serán un grupo de expertos os que ordenen a información obtida, catalogando e clasificando.
Alén dese valor documental, a acción ten tamén o valor reivindicativo en favor da protección dunha das zonas privilexiadas en canto a biodiversidade no conxunto de Europa que, segundo denuncian os colectivos convocantes, sofre do "desleixo" por parte das administracións e da ameaza por parte de, principalmente, "a voracidade do sector mineiro".
Se lles interesa o desafío, a convocatoria é para o sábado 6 de setembro ás 9h30 no centro de Seoane. Aló distribuiranse os grupos de mostraxe que partiran con cadanseus guías a cada un dos catro roteiros deseñados. Desde as 10h e durante todo o día, até reunírense á tardiña para intercambiar experiencias. O domingo 7 a cita será na Casa da Aria, en Froxán, ás 10h30, para facer proxección dalgunhas das fotos.
As 4 rotas e 3 covas:
1. Devesa da Rogueira. O Courel de influencia Atlántica. Roteiro: Alto do Couto-As Augas-Moreda. Bosques interesantes con teixos (Taxus baccata), acivros (Ilex aquifolium) e capudres (Sorbus aucuparia).
2. Arredores Do Castro de Vilar. O Courel de influencia Mediterránea. Roteiro: Froxán-Vilar-Vilamor. Os soutos de castiñeiros (Castanea sativa). Interesante mostra de coleópteros e formigas.
3. O Río Pequeno.O Caurel intermedio e a actividade humana. Roteiro: Paderne baixando até Seoane. Soutos e reboleiras (Quercus pyrenaica).
4. Val da Moura. De interese xeolóxico (para a parte de espeleoloxía). Formacións pedrosas de interese científico. Xunto coa mostraxe da cova do mesmo nome "Val das Mouras ", na Ferrería Vella
5. As covas (espeleoloxía): "A Cova do Eixe" de Mercurín, a de "Longo de Meo" en Moreda