Aberto o prazo de inscrición para participar na toma do castelo de Monterrei deste ano.
Irmandiños: A revolta, o xogo de rol en vivo máis grande do mundo, abre este luns 18 o prazo de inscrición para participar na súa III edición, que ha ter lugar entre o 26 e o 28 de setembro no Castelo de Monterrei (Ourense).
Os xogadores divídense en dous bandos, Irmandiños e Malfeitores. Cada clase social ten unha idiosincrasia e aparencia determinada, á parte dunha serie de debilidades que ter en conta á hora de caracterizarse. Os participantes poderán elixir o bando por orde de reserva. Dende as 9h deste luns 18, os interesados en participar neste xogo poderán inscribirse até ocupar as 500 prazas dispoñíbeis na terceira edición.
O xogo, escrito e dirixido por 13negativo, está ambientado na segunda revolta Irmandiña do século XV, na que milleiros de homes e mulleres de toda clase e condición se alzaron en armas contra os señores feudais debido aos múltiples abusos que contra a poboación se estaban a cometer.
Irmandiños: A revolta ven de ser recentemente recoñecido como o xogo de rol en vivo máis grande do mundo tras bater o record Guinness na pasada edición. Durante os tres días que dura a revolta, os participantes hanse meter na pel dun irmandiño ou dun soldado nobiliario, enfrontados nunha guerra que decidirá o destino do Reino de Galiza.
Os interesados en participar nesta terceira edición poderán reservar praza dende o luns dezaoito na Dirección Xeral de Xuventude (nos edificios centrais de San Caetano, en Santiago de Compostela); nos teléfonos 981 545 937, 981 545 702 e 981 444 869.
Toda a información en irmandinhos.com.