A Consellaría de Cultura realizará 36 prospeccións arqueolóxicas para dotalos do maior grao de protección para bens patrimoniais.
A Pedra da Arca de Malpica, Chan de Arquiña en Moaña, A Casola do Foxo en Muíños, a Roza das Modias en Vilalba... e así até 36 conxuntos megalíticos serán recoñecidos como Ben de Interese Cultural (BIC), o máximo grao de protección, co que só contan na actualidade catro xacementos: o Dolmen de Dombate (Cabana de Bergantiños), a Necrópole de Santa Mariña (o Incio, Sarria e Samos), o Dolmen de Axeitos (Ribeira) e o Dolmen da Casa da Moura de Cabaleiros (en Tordoia).
As mámoas, dolmens, cistas ou menhires serán agora obxecto de prospeccións arqueolóxicas, que incluirán tamén a situación por GPS dos monumentos e da súa área de protección, a delimitación gráfica e textual e a realización de fichas e informes valorativos de cada lugar. Neste cometido, a Consellería de Cultura investirá 81.780 Euros, cos que se pretende revalorizar os monumentos funerarios e achegalos ao público.
36 escollidos
Na provincia da Coruña exploraranse 7 xacementos, entre os que destaca a concentración de megálitos nas zonas da Costa da Morte e no Barbanza. No futuro teremos que falar do Parque Arqueolóxico do Megalitismo da Costa da Morte, onde se integrarán unha boa parte deles. Tamén terán a declaración de BIC monumentos funerarios de Noia, Toques, Boiro, Rianxo e Mañón. En Lugo, serán obxecto de estudo 8 megálitos situados no Valadouro, Vilalba, O Saviñao, A Fonsagrada, Xermade, Begonte e dous en Friol.
Xa en Ourense, comezaranse as escavacións en 8 puntos: en Rairiz de Veiga, Entrimo, tres en Muíños, dous en Verea e un en Sarreaus. Finalmente en Pontevedra, é onde máis actuacións se van a realizar, cun total de 13, que se concentrarán nas áreas de Vigo, do Morrazo e do Deza: en Lalín, A Agolada, Vila de Cruces, Moraña, Rodeiro, Moaña, Marín, dous en Vilaboa, dous en Vigo, Mos e Redondela.
Os nomes concretos de cada mámoa que será intervida pódese consultar nas seguintes ligazóns.