O BNG critica que o Instituto de Silicose de Oviedo é o único que pode emitir informes válidos en xuízos sobre posíbeis responsabilidades empresariais.
Os afectados pola asbestose terán que seguir acudindo a Asturias para realizar os trámites correspondentes á hora de esixir responsabilidades pola doenza profesional. Isto é así malia que segundo algúns informes a bisbarra concentra a ampla maioría dos casos desta enfermidade rexistrados no conxunto do Estado.
O BNG lamentaba este luns a negativa da Consellaría de Sanidade a outorgarlle rango de centro específico de enfermidades profesionais á consulta de asbestose en Ferrolterra, no complexo hospitalario Arquitecto Marcide – Novoa Santos, obrigando os enfermos a viaxar a Oviedo para realizar os trámites. A consellaría confirmou que non traballa con esa previsión en resposta a unha pregunta do deputado nacionalista Fernando Blanco Parga.
Relacionado co impacto da asbestose en Ferrolterra, hai poucos días coñecíase que Navantia foi condenada a indemnizar con 50 mil euros á familia dun antigo traballador dos estaleiros de Bazán, Afonso Paz, quen morreu en 2006 debido a esta enfermidade, causada pola exposición ao amianto durante a súa etapa laboral como mecánico axustador.