Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DATOS ECONÓMICOS

Cae a exportación no primeiro semestre do ano un 4,9%

A provincia da Coruña é a que experimenta unha maior baixada nas ventas ao exterior, cun descenso do 10,1%

Redacción - 09:30 12/08/2008

O comercio exterior deixa un mal balance para Galiza no primeiro semestre do ano. As últimas estatísticas oficiais difundidas polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio reflicten unha caida das exportacións galegas que chega ata o 4,9%. Este dato contrasta co crecemento do Estado español, que acadou cifras do 8,6%, pero tamén co peche de 2007. Nese momento as ventas ao exterior galegas foron do 9,5%, o que reflectía unha tendencia de crecemento en Galiza que non cesou dende o ano 1995.

Os actuais datos débense, en parte, ao descenso nas exportacións da provincia da Coruña, onde as ventas ao exterior caeron ata un 10,1%. O Instituto Español de Comercio Exterior relaciona esta baixada coa industria téxtil, que reduciu as súas exportacións considerablemente dende comezos de ano. Pola súa banda, Pontevedra viu caer as súas ventas ao exterior un 2,2%, un dato que está vencellado coa caída tamén dun 2% da actividade do porto de Vigo, que deixou de exportar cantidades de peixe fresco e conxelado e cementos, fundamentalmente por mor da crise da construción. Malia todo, Pontevedra segue a ser a cuarta provincia exportadora do Estado, o que fai que Galiza sexa o quinto territorio exportador, se ben se mantén unha concentración das ventas nun número reducido de empresas (PSA Peugeot, Citroën, Finsa, Pescanova e Inditex).

Pola súa banda, Ourense e Lugo seguen a rexistrar unhas cifras de exportación que se sitúan moi por baixo das provincias de Pontevedra e A Coruña: Mentres Pontevedra rexistra uns datos de venta ao exterior de 3,9 millóns de Euros e A Coruña 2,2 millóns de Euros, Lugo e Ourense non chegan ata os 300.000 Euros (205.090 e 249.370 respectivamente).

O dato positivo para Galiza é que conseguiu neste primeiro semestre do ano unha balanza comercial positiva, é dicir, as importacións son inferiores ás exportacións, con 6.255 millóns de Euros as primeiras e 6.661 millóns de Euros as segundas, o que ofrece un saldo positivo de 406 millóns.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: