Obradoiros, actividades, xantar popular e dúas noites de concertos na festa que organiza a asociación Aturuxo.
Un ano máis volta o Sarabanduxa, o Festival de música e asociacións de Boiro. E xa van cinco anos que os colectivos e asociacións do concello de Boiro conseguen sacar adiante conxuntamente un festival para a mocidade da vila.
Este ano hai novidades interesantes, posto que a festa medra e pasa dunha xornada a dúas (venres 15 e sábado 16 de agosto). Tamén haberá servizo de noitebús, que fará parada diante mesmo das portas do festival, no bar Riazor (xusto enfronte do aparcadoiro de Praia Xardín).
Desde o venres 15 pola tardiña, a asociación Aturuxo de Boiro terá á disposición de todas as persoas que se acheguen unha barra e un posto de información. Á noite han actuar Chotokoeu, Duplo Son, Som do Galpóm e Lamatumbá.
As actividades para nenos e nenas comezarán na mañá do sábado, como tamén os obradoiros para todas as persoas que se acheguen. Haberá xantar popular de balde, con mexilloada e empanadas de carne, atún e vexetais.
Na tarde do sábado 16 desenvolveranse os obradoiros de maquillaxe de entroido, coiro, marionetas, meioambiente e crachás. A xente do centro Quérote repartirá información e material afectivo sexual. A partires das 19 horas abrirán os postos os colectivos e organizacións que participan na Mostra. Á noite virán as actuacións de Belfast, 8 Ferrados, Ataque Escampe e Jabón Blue.
Todo o mundo está convidado ao Sarabanduxa 08, non pode faltar ninguén!