Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Referendo revogatorio

Tensión a pé de urna no día en que os bolivianos opinan sobre o futuro do país

Despois de advertir de que o país estaba no gume do golpe de Estado, o presidente Evo Morales afirma confiar en que a democracia saia "fortalecida" desta xornada.

Redacción - 11:00 10/08/2008

"Esta xornada vai servir para o fortalecemento da democracia e para a redefinición do novo escenario político", afirmaba Evo Morales, presidente de Bolivia, na véspera do referendo que este domingo leva máis de catro millóns de cidadáns ás urnas. Os electores decidirán se o presidente, o vicepresidente e oito dos nove gobernadores do país, seguen ou non nos seus actuais cargos.

Arredor de douscentos observadores internacionais acoden a esta xornada, á que se chega despois de días de graves enfrontamentos nas rúas entre partidarios do goberno e da oposición, con ducias de feridos e varios mortos. O tenso escenario, que mesmo chegou a impedir o desprazamento con normalidade de Morales polo interior do país, levou ao goberno a denunciar que os opositores estaban deseñando un clima similar ao contexto golpista de décadas anteriores. O ministro da Presidencia, Juan Ramón Quintana, apuntou especificamente aos gobernadores locais, acusándoos de usar cartos públicos nun "acto de sedición, desacato e organización de forzas ilegais e paramilitares para atentar contra todas as liberdades públicas".

"A votación obrigará a un reencontro das autoridades, a unha reconciliación do pobo boliviano e, por iso, a participación de todos é importante", expresou hai poucas horas un optimista Evo Morales, chamando a ir até as urnas en "paz e tranquilidade". Para ser confirmado na presidencia do país, a Morales cómprelle o 53,7% dos votos, porcentaxe similar á obtida nos comicios de 2005. No caso dos prefectos, deben conseguir a metade máis un do total de papeletas. Con todo, e malia pasar a proba do referendo revogatorio, a estabilidade cobizada parece lonxe de chegar, xa que desde o bando opositor anunciaron que non frearán as reivindicacións.


Última hora na prensa local:


1/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: