Apenas uns días despois de iniciárense os trámites para a declaración do Pazo como Ben de Interese Cultural, e coincidindo coa voda dunha herdeira de Franco, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica insiste na devolución do edificio ao patrimonio público.
Arredor de catrocentas persoas, entre curiosos e medios de comunicación, congregáronse de forma "pacífica" dende as sete da tarde do venres na entrada do Pazo de Meirás, no Concello de Sada, con motivo da voda de Leticia Giménez-Arnau Martínez-Bordiu, neta da filla de Franco, para solicitar "a devolución do pazo ao pobo" desta localidade coruñesa.
Coa colaboración da comparsa coruñesa 'Os Maracos', os integrantes da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) escenificaron unha "voda" na entrada do pazo. Durante a representación, a falsa noiva chegou acompañada de Franco ao ritmo da música e con peticións de devolución do Pazo e consignas en contra dalgúns dirixentes do PP, como Mariano Rajoy ou Alberto Núñez Feijoo. "Di a carmencita, o pazo é meu, deixoumo en herdanza o meu abuelito. Devólvannos o pazo, se non hai lea, que o pobo o pagou do seu peto", rezaba a canción.
O voceiro da agrupación, Manuel Monge, considerou a voda da neta de Franco unha "provocación" e explicou que "o obxectivo non é impedir ou boicotear a voda, senón reclamar a devolución do Pazo ao pobo".
Dende as oito da tarde, entraron no Pazo o noivo e os convidados da voda oficial, que comezou ás 20h30 horas. Algúns dos asistentes bateron nos coches a berros de "fascistas" e "fóra". Por outra parte, algún veciño do pobo mostrouse a favor da voda e da familia. "Está feo que catro idiotas d'A Coruña veñan a impedir que a voda se celebre con normalidade", expuxo un deles.