Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
COTIZACIÓN DO CARBURANTE

Por que non baixa a gasolina se o fai o petróleo?

Consumidores en Acción solicita que se abra unha investigación para estudar se hai pactos entre as petroleiras para manter o prezo do combustíbel.

Redacción - 11:30 08/08/2008

Nas tres últimas semanas os prezos do cru caeron de xeito moi evidente: en concreto, o prezo pasou dos 144 dólares cos que se iniciou a sesión o pasado 14 de xullo, aos pouco máis de 117 cos que a pechou o pasado 5 de agosto, é dicir, unha caída de preto do 20%. Esta foi a cotización mínima nos últimos tres meses, ao superar a barreira dos 120 dólares. Este descenso está motivado fundamentalmente polo impacto, menor do agardado, que tivo a tormenta tropical Edouard no Golfo de México, onde se concentra unha cuarta parte das instalacións petrolíferas americanas.

Pola contra, os prezos dos combustibles non se reduciron ao mesmo ritmo nas estacións de servizo. A gasolina baixou pouco máis dun 5% de media dende os máximos históricos rexistrados a medidados do pasado mes de xullo, segundo se desprende dos datos do Boletín Petroleiro da Unión Europea. A baixada foi homoxénea: a gasolina 98 véndese en Galiza a un prezo medio de 1,312 euros por litro, mentres que a media do gasóleo se sitúa en 1,235 por litro. Ademais, as perspectivas a curto prazo sobre a evolución do prezo do cru apunta a novas baixadas, alentadas pola ralentización do crecemento económico en Europa occidental e nos Estados Unidos.

Prácticas contrarias á competencia
A experiencia demóstranos que mentres as subas no petróleo se trasladan ao prezo do combustible en case tempo real, as baixadas do cru tardan moito máis en reflectirse nas estacións de servizo. Ante esta realidade, FACUA – Consumidores en Acción vén de remitir un escrito á Comisión Nacional da Competencia na que se solicita unha investigación sobre a evolución do prezo dos carburantes. Esixe que se aclare se estas oscilacións nos prezos se deben a algún tipo de acordo, decisión ou recomendación colectiva, é dicir, se existe algunha práctica común por parte dos operadores petrolíferos para manter os prezos.

Esta práctica, de producirse, estaría a falsear a competencia, unha acción prohibida pola Lei de Defensa da Competencia. Ademais, FACUA recorda que existen antecedentes de irregularidades no sector, xa que en 2001 a Comisión da Competencia tivo que sancionar a Repsol por fixar ilegalmente os prezos nas estacións de servizo, e en 2007 tamén tivo que tomar medidas semellantes ante Cepsa, BP e a mesma Repsol. Por todo, o colectivo de consumidores pide que se intensifique a supervisión do mercado de distribución de carburantes de automoción e que se impulsen medidas que fomenten unha maior competencia.


Ligazóns

4,5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: