Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
RAMON SESTALLO, VICEPRESIDENTE DE COGAMI

"Hai que amosar que os discapacitados tamén podemos practicar deportes náuticos"

A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade aposta por rachar barreiras mentais coa súa participación na X Volta Náutica a Galiza.

Isabel G. Couso - 09:30 07/08/2008

O veleiro Laión está a percorrer as nosas costa nesta edición da volta náutica galega. Como as demais embarcacións parte cada día dun porto diferente, o de Ribadeo, Camariñas, Muros, Vilagarcía... sen embargo, a súa singradura vén de atrás e márcase obxectivos máis amplos que chegar cada día ao peirao. A súa é unha travesía que se iniciou hai seis anos e que ten a laboriosa pretensión de conseguir a integración a través do deporte. O Proxecto Gavea (Galicia Vela Adaptada) é unha iniciativa da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) e contempla a participación en diferentes probas náuticas a bordo deste veleiro, que conta cos recursos necesarios para facerlle máis doada a navegación a persoas con discapacidade.

O ano pasado participaron na Copa América, na Volta a Galiza, na Xira Náutica da Costa da Morte, na Regata Infanta Elena ou na Travesía polo Cantábrico, entre outras probas. Nesta embarcación subiron neste tempo unhas 1.900 persoas quen puideron coñecer as sensacións que se experimentan en alta mar, ao tempo que participaron neste traballo de sensibilización, concienciación e integración social.

O Laión
A embarcación conta cunha serie de adaptacións para facer practicable a navegación. Así, ten un guindastre instalado na botavara, que permite o embarque e desembarque a persoas con problemas de mobilidade dende o pantalán correspondente. Tamén incorpora baquets para cinxir a persoas en cadeira de rodas, impedindo así que poidan perder o equilibrio durante a viaxe ou un puente adaptado, de xeito que as persoas con algún tipo de discapacidade poidan acceder aos mandos.

O veleiro, de 14 metros de eslora, foi incautado ao narcotráfico por parte do xuíz Baltasar Garzón e, despois, foi cedido en garda e custodia á Asociación de Discapacitados da Bisbarra de Muros (Adisbismur), membro de Cogami. Agora cumpre unha importante labor social, na que participan uns 200 voluntarios, entre os que se atopan os patróns e axudantes que se suman ás travesías no veleiro.

A última das súas singraduras é esta na que os acompañamos, a X Volta Náutica a Galiza, pero para o futuro márcanse moitas máis. Todo para demostrar que a integración tamén é posible no mundo do deporte náutico.


Ligazóns

1/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: