A SGHN e a CEMMA informarán ao sector náutico deportivo e profesional do novo regulamento de proteción dos cetáceos.
Para amosar a biodiversidade dos ecosistemas mariños galegos, a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) participa, cunha mostra do "Museo da Natureza", na IV Semana Náutica de Ferrol-SPINNAKER 2008. Especialmente queren darlle a coñecer ao sector náutico con máis profundidade a lexislación que ven de publicarse ao respecto das medidas para a protección dos cetáceos.
Esta normativa, dirixida a toda a navegación, mergullo e medios de transporte aéreos, tenta regular por unha banda a observación de cetáceos no seu medio natural, coas vertentes turísticas, científicas, recreativas e de educación ambiental e por outra ditar unha serie de normas básicas que regulen a convivencia entre o transporte marítimo e os mamíferos mariños, moitos deles en precario estado de conservación.
Grazas ao cumprimento das medidas de protección que recolle este real decreto, hanse minimizar os efectos negativos da actividade humana nas poboacións de cetáceos, como as frecuentes colisións con embarcacións e tamén as dispersións das mandas.
Para achegar esta lei ao público en xeral e, en especial ao sector náutico deportivo e profesional, a SGHN fará a presentación dunha campaña de información o venres 8 de agosto ás 12 da mañá. Dentro da campaña, elaborada pola sección de Mamíferos Mariños e a CEMMA (Coordinadora para o estudio dos Mamíferos Mariños), haberá unha rolda de prensa no stand que ten a SGHN no Peirao de Curuxeiras. Nela han participar a concelleira de Medio Ambiente, María López; Federico Pérez Lago pola organización do Spinnaker; Mara Caldas, responsable de avistamentos de cetáceos da CEMMA e Xoán Ignacio Díaz Da Silva, Coordinador de Mamíferos Mariños da SGHN.