Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
IVÁN PRADO, DIRECTOR DO FESTICLOWN

"O Festiclown non é só unha programación para rir nas prazas, é unha panca para transformar o mundo"

O festival iniciou unha nova andaina en Vigo. O seu director cóntanos as súas primeiras impresións e as razóns polas que deixou Compostela.

Marcos S. Pérez / Vídeo: Isabel G.Couso - 09:30 08/08/2008

O Festiclown é un barco pirata. Tivo que deixar Compostela para atracar en Vigo, enchendo as súas rúas de pallasos, de teatro e de maxia. Foron catro días, un ensaio de cara á edición de 2009, a primeira na que os equipos do Festiclown poderán traballar a xeito, cunha programación máis ambiciosa, e o traballo de base ao longo de todo o ano. Iván Prado, clown, ocupado en mil proxectos, fala con rabia do mal que se segue traballando en Galiza na cultura de base, e fala con alegría e esperanza das experiencias vividas en Chiapas coa súa caravana de pallasos.

De Pontevedra a Santiago e agora a Vigo? Como foi esta primeira experiencia na cidade?

A participación foi extraordinaria, sobre todo nun festival como o que fixemos este ano, con tan poucos medios económicos, organizado en menos dun mes, e nunha cidade que non ten tradición de acoller este tipo de eventos. E así e todo, contra vento e diarrea, resultou un éxito completo de público, abarrotamos as prazas e conseguimos que a xente se sentise identificada co festival. E deunos pistas tamén sobre por onde vai ir a edición do 2009, que esperamos que sexa en Vigo, e que vai ter moito que ver coa participación cidadá e coa relación coa cidade.

Como vai ser o Festiclown 2009? Tedes o apoio firme do Concello?

A Concellaría de Cultura comprometeuse a apoiar o Festiclown para que se instale de xeito estable en Vigo. E será de xeito estable ou non será. Despois de nove anos de ser un dos festivais de teatro no Estado Español con maior repercusión nos medios, de ser un dos festivais galegos que máis xente reúne, de ser considerado un dos mellores festivais de clown de Europa, ou ben instalámonos definitivamente nunha cidade, e neste caso ten que ser Vigo, ou ben teremos que marchar de Galiza.

Que marchou mal para que tivesedes que deixar Pontevedra, primeiro, e agora Santiago?
En cultura marchan moitas cousas mal neste país. Creo que hai moi pouca sensibilidade institucional de cara a certos proxectos senlleiros e con personalidade propia, creo tamén que hai descoñecemento nalgúns políticos sobre o que significa o proxecto: aínda hai xente que pensa que os festivais son meras programacións. E ademais creo que o Festiclown chegou a un nivel e a unha dimensión que non todas as administracións son quen de soportar. Pero fundamentalmente penso que o problema que hai en Galiza no deseño da política cultural ten que ver coa ineficacia, coa falta de xente preparada, e coa incapacidade para planificar. Nós temos moi claro que un festival é un gran vieiro polo que teñen que discorrer moitas cousas que xeren dinámicas durante todo o ano. Ese é o problema que tivemos en Santiago: non entendían que o Festival duraba máis ca sete días, dura todo o ano, e nel constrúense redes, proxectos...

E en Vigo?
Pensamos que en Vigo hai máis sensibilidade, e que a xente pode tomalo máis en serio e traballar no proxecto durante todo o ano. Se o festival non é un vector que impulse dinámicas de transformación social e de participación cidadá, entón simplemente é un produto máis do mercado. E nós non somos unha empresa nin traballamos para o mercado, traballamos para a transformación da sociedade, para que a xente sexa a protagonista da súa vida e para que a democracia sexa o máis real posible, o que non acontece agora. O Festiclown non é só unha programación para rir nas prazas, é unha panca para transformar o mundo. Como dicía Gramsci, 'se consegues que o teu modelo cultural sexa hexemónico, conseguirás gobernar o mundo'. Isto pasóuselles a bastantes partidos comunistas de Europa, e en cambio Walt Disney pillouno ao voo.

Despois de máis de tres anos de goberno bipartito, podemos facer balance da xestión do Goberno. Como o valoras, sobre todo en cando á política cultural?
A xente que cremos na cultura de base, a cultura que se constrúe de abaixo para arriba, dende a esquerda, que cremos nunha cultura na que a xente non é consumidora, senón que é construtora, nestes tres anos non vimos grandes cambios. De todos os xeitos, para min o que define a política do bipartito é a Cidade da Cultura, esa é a gran derrota da sociedade galega: ese mausoleo dun ministro de Franco segue aí, sen que o bipartito teña forza ou disposición para quitalo.

Por outra banda, creo que non se fixo un traballo de concentración das forzas vivas do país de cara a un gran proxecto cultural. Viñamos da era do cemento, das grandes inauguracións e dos Xacobeos, que eran como o cabalo de Atila, que por onde pasaba despois non medraba nada de cultura real. E non se conseguiu xerar unha rede, unha plataforma social de xente da cultura para construír un novo modelo. Se non se crean estas plataformas, dificilmente un grupo de xente en San Caetano vai ter capacidade para planificar unha política cultura a xeito. O país viña dunha situación catastrófica a nivel cultural e polo tanto facían falta medidas de grande envergadura. A cultura non é unha programación ou un edificio; é un marco que creamos entre todos para desenvolver unha serie de proxectos, e iso non pode depender dunha única institución, temos que facelo entre todos. A cuestión está: para que goberna a esquerda? Para xestionar unha parte do poder ou para transformar a sociedade? Se non imos contra o mercado, se non somos quen de establecer estratexias non neoliberais, entón a cultura non serve máis que para facérmonos máis consumidores de cousas. En vez de consumir en grandes áreas comerciais, consumiremos en festivais de cultura.

O que tampouco pode ser que a cidade máis importante deste país non estea integrada no país. Estou falando de Vigo, a súa área de influencia e a relación co norte de Portugal. Despois temos un problema de centralismo cultural brutal; non pode ser que toda a cultura estea en Santiago, é irreal, Galiza non é Santiago de Compostela. O fundamental é a cultura de base, e esta xente non sei como quere manter unha cousa como a Cidade da Cultura e á vez desenvolver a cultura de base.

A experiencia de Chiapas si demostra que a cultura pode transformar a realidade...
A experiencia en Chiapas para nós é nuclear, é conectar cos nosos soños e ver como a utopía é realizable no día a día, e como unha vez que se nos caeu o muro de Berlín na cabeza á esquerda europea, de súpeto xorde unha nova linguaxe e un novo discurso, un novo xeito de exercer o autogoberno, horizontal, democrático e participativo. E ademais dende un suxeito histórico que nunca aparecera nos libros, que nin sequera a esquerda europea tiñamos en conta, que son os indíxenas. Levo dende o 95 traballando con eles, visitándoos e aprendendo moitísimo. O proxecto do Festiclown, Pallasos en rebeldía, é moi sinxelo, moi pequeno, pero ten moitas virtudes: primeiro, esa ponte de conexión que ten Chiapas con Galicia a través do Festiclown; segundo, que agora existe unha compañía indíxena de pallasos e polo tanto ábrense novas portas; terceira, que estamos abrindo unha forma diferente de facer cultura, unha forma diferente de facer rir no medio dunha guerra de baixa intensidade. É gratificante ver como o ser humano pode inventar novos xeitos que estar no planeta.

E a ti de onde che ven o de ser pallaso?
Segundo miña nai eu son pallaso dende que nacín. E ademais isto está corroborado pola miña abuela. Eu son un rapaz da zona da Residencia, en Lugo, que nun colexio semirrural, sen moitos alicientes, tiña no teatro a única vía de escape. E logo o clown naceu en min cando descubrín que era unha ferramenta revolucionaria. Para min a cultura é un grande espazo para conseguirmos a democracia e a participación da xente.


3,96/5 (24 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



(Desculpas polo audio) (As imaxes corresponden ao Festival dos Abrazos de Compostela).

Iván Prado, con Pallasos en Rebeldía, en Chiapas
Iván Prado, con Pallasos en Rebeldía, en Chiapas