A Campaña Xoga Limpo continúa. Esta domingo protestaron en Hong Kong, contra a pasividade do COI respecto á explotación das persoas que fabrican artigos para os XXOO.
Logo da Campaña Roupa Limpa
Activistas da Campaña Roupa Limpa en Hong Kong, apoiados pola coalición mundial Xoga Limpo 2008 enfrontáronse o pasado domingo ao Comité Olímpico Internacional (COI) para protestar pola súa pasividade ante a explotación xeneralizada dos traballadores e traballadoras das fábricas de artigos de marca olímpica.
Convocados no paseo Tsim Sha Tsui da cidade asiática, os activistas demostraron a súa desconformidade ante a falta de compromiso do COI cos dereitos básicos dos traballadores.
"Pasaron xa cinco anos dende que fixemos un primeiro chamamento ao COI para que defendese os traballadores que fabrican produtos oficiais para os XXOO, mais todo segue igual. Unha vez máis, os cartos flúen cara as arcas do Movemento Olímpico, pero os traballadores que xeran esta riqueza seguen sendo estafados", dixo Guy Ryder, secretario xeral da Confederación Sindical Internacional, que conta con 168 millóns de afiliados e que tamén fai parte da Campaña Xoga Limpo.
O COI non está a facer nada de nada
Segundo esta organización, existe un "plan de traballo", elaborado en 2007, no que se definen os pasos concretos que o COI debería dar para evitar que se violen os dereitos laborais nas cadeas de subministro de artigos olímpicos, mais, a pesar do apoio popular que conseguiu este proxecto, o Comité aínda non actuou.
Ao parecer, o COI negouse a asignar persoal ou recursos para realizar un seguimento construtivo das numerosas cuestións pendentes nesta materia, incluíndo a revisión dos baixos salarios, a abolición do traballo infantil e das excesivas horas extraordinarias, feitos que, xa se ten demostrado, existen hoxe en día nas cadeas de subministro de produtos de Beixín 2008.
"No canto de implementar correctamente as medidas do informe de Xoga Limpo, no que se proporcionaban claras probas das violacións dos dereitos laborais, o COI simplemente lle pasou a bola aos organizadores de Beixín 2008, sen ter solucionado os problemas fundamentais"; declarou na concentración Esther de Haan, da Campaña Roupa Limpa.
As empresas do sector, máis implicadas do que o COI
Por outro lado, dende Xoga Limpo sinalan que, mentres que o COI segue sen actuar, as empresas do sector deron xa os primeiros pasos para salvar a situación, recoñecendo a magnitude do problema e do fracaso da súa responsabilidade social corporativa. Nunha xuntanza, mantida en Hong Kong o pasado mes de xullo, entre as organizacións de Xoga Limpo e as empresas de artigos deportivos, acordouse formar un grupo de traballo para tratar as diversas causas fundamentais das malas condicións laborais do sector. Ademais, segundo os activistas desta campaña, tamén hai varios comités olímpicos nacionais que están dispostos a traballar nesta cuestión.