Unha fin de semana cargada de festivais e concertos para escoller.
Entre a exaltación folclórica e o punk-rock, esta primeira fin de semana ven cargada de propostas musicais. Non valen escusas para non achegarte a calquera dos moitos e variados concertos programados para o 1 e o 2 de agosto. Os amantes do punk e do ska, os máis metaleiros, quen goste da electrónica... Miscelánea de estilos, grupos e festivais para viaxar pola xeografía galega de festa en festa.
Millarock (Milladoiro, Santiago)
Se gostas do rock tendente ao heavy, o venres 1 de agosto non perdas o festival que vai ter lugar na localidade do Milladoiro, a poucos quilómetros de Compostela.
A terceira edición do Millarock contará este ano coa participación dos metaleiros madrileños Hamlet, os cordobeses Estirpe, Eco -a banda de Alberto Cereijo e Tino de Los Suaves, e máis os santiagueses Invivo. Invivo resultaron vencedores do concurso que organiza o concello de Ames para facer promoción dos aos novos grupos.
Este venres a partires das oito da tarde no polideportivo municipal e de balde.
Senuncan (O Carballiño, Ourense)
Durante toda a fin se semana, Senuncan no Carballiño. Ven sendo un festival de balde e autofinanciado, con acampada libre, onde cabe calquera tipo de expresión artística libre, á parte da música en directo.
Senuncan é un colectivo sen ánimo de lucro que autoxestiona totalmente todas as súas actividades. A Asociación Xuvenil Senuncan nace para dar pulo ás iniciativas deportivo-culturais da xente xove de O Carballiño.
O venres un de agosto haberá concertos de Banda Desarmada, Chotokoeu, La Tuna Rastafari, Bodega Bodega a percusión de Patrankalo. Ao día seguinte, (2 agosto) estarán os Rumbo Tupá,Taru e os Paxaros de Coiro, La Vaga Banda, Banda Potemkin e tamén Patrankalo.
Á parte de todo isto, non faltará o campionato de matraquiños, unha mostra de graffiti e acampada libre, todo de balde.
Creamfields (Vigo, Pontevedra)
Para o sábado, os que gostan da electrónica teñen unha cita obrigada en Vigo no mítico Creamfields. Disque o Creamfields é o festival electrónico máis importante do mundo; comezou hai dez anos en Inglaterra, promovido polo clube nocturno Cream de Liverpool e se estendeu a moitos países (Chile, Perú, Rusia, Malta, Romanía, Polonia, Arxentina, Brasil…) até dar en caer en Andalucía, onde leva facéndose cinco anos.
O 2 de agosto de 2008 o festival Creamfields chegará a Vigo por primeira vez. Coa actuación dos inevitábeis Chemical Brothers, Tiga, Richie Hawting, Derrick May... o de Vigo agarda converterse nun evento de referencia no noso país como o seu homónimo do sur.
A entrada custa 50 euros.
Festeiro Rock (Esteiro, Muros)
Unha alternativa totalmente oposta ao macro festival de Vigo atopámola a noite do sábado en Esteiro (o de Muros) na cuarta edición do que empeza a ser xa tradicional Festeiro Rock, este ano algo máis punk que rock.
Os organizadores do festival, a asociación cultural O Xeito máis a xente dos grupos locais Razzia, Metralla ou os míticos Jailbreakers, romperon os cornos a berrar coa Comisión de Festas de Muros para traer este ano o mellor cartel e ofrecer o espectáculo que merece esta vila mariñeira onde escoitan aos Clash, Ramones, Sex Pistols, AC-DC...
Este sábado dous de agosto, na alameda de Esteiro e de balde, venlle ao Festeiro Rock, coas actuacións de Samesugas, Novedades Carminha, os Metralla, Jiménez los Santos... dende as once da noite, un festival que foxe da masificación.
Unha das novidades desta edición: se a festa se alongase, e non tes onde quedar, este ano haberá a posibilidade de ficar coa tenda de campaña ao lado mesmo da zona dos concertos.
PonteLouco (Castro Caldelas, Ourense)
Os que estean perto de Castro Caldelas ou gosten da música dos Tuna Rastafari, Tanghana's Show ou Cuchufellos, poden atopalos no Festival PonteLouco'08. O PonteLouco ven celebrándose dende o ano 2001 no castelo de Castro Caldelas (Ourense). Moi vencellado a outras actuacións festivas, como o teatro ou os malabares, tamén ten unha feira de artesanía. Este ano vai ter lugar o sábado día 2 de agosto.