A Confederación Hidrográfica do Douro incoa un expediente sancionador despois de comprobar a existencia de verquidos procedentes da rede de sumidoiros municipal.
O pago dunha multa, a obriga de reparar o entorno natural e fluvial e a revisión das instalacións que presuntamente provocaron a desfeita ambiental. Estas son, segundo Amigos da Terra, as premisas que recollería o expediente sancionador que a Confederación Hidrográfica do Douro xa está a tramitar contra o concello ourensán de Monterrei.
O delito ambiental producíase no pasado mes de febreiro, cando o colectivo ecoloxista denunciaba á administración local por causar unha afección ambiental considerable á paraxe natural do río Búbal, afluente do Támega, lugar declarado ademais de importancia comunitaria atendendo á lexislación europea. A Confederación enviou entón a persoal especializado ao lugar dos feitos, quen tomou mostras e iniciou os trámites que agora derivan en sanción.
Reaccións da Xunta
Malia que a Confederación atopa indicios de delito, a reacción non foi igual por parte da Consellería de Medio Ambiente. Amigos da Terra remitiu tamén a súa denuncia á delegación ourensán deste departamento, quen non tramitou ningún expediente sancionador contra o concello. Sen embargo, os axentes que se achegaron ata o lugar constataron a "existencia de verquidos de augas no río Búbal, procedentes da rede de sumidoiros do concello de Monterrei, como consecuencia das obras dun aliviadeiro", segundo informa a organización ecoloxista.
Amigos da Terra lamenta así a falta de resposta por parte da Xunta e informa que solicitará á Confederación Hidrográfica do Douro que lle envíe por escrito a resolución que recolle a sanción da que se terá que facer cargo o concello por verquidos non autorizados, para darlle a oportuna publicidade.