Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Este venres en vilagarcia de arousa

Concertos este venres para axudar aos nenos do pobo saharahuí

A asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí organiza para esta fin de semana a II edición do Festival solidario. Estarán Xurxo Souto e a Banda Potemkin, entre outros.

Redacción - 12:00 01/08/2008

Desta volta os concertos terán lugar o venres 1 de agosto en Vilagarcía de Arousa no exterior do Auditorio. Haberá actuacións de Xurxo Souto, Taru e os paxaros coiro, Trópico de Grelos, Banda Potemkin e moitos máis. Os concertos darán comezo ás oito e media do serán.

Poderanse mercar as entradas para o festival en Vilagarcía de Arousa na tenda Caramuxo (rúa Méndez Núñez), no bar A Bolsa (avenida da Mariña) ou na porta mesma do festival. Todos os grupos actuarán de balde a tarde-noite do venres 1 de agosto para apoiar esta iniciativa de SGPS. As entradas terán un prezo simbólico de tres euros e xa están á venda.

Todo o recadado irá destinado para pagar o traslado dos nenos desde Tindouf a Galiza para que pasen unhas "vacacións en Paz". Vacacións en Paz é un programa que leva a cabo dende 1991 a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí. Esta iniciativa solidaria permite ás familias saharauís a posibilidade de que os seus fillos fiquen baixo a supervisión de familias galegas de acollida durante o verán, época na que as temperaturas que alcanzan os campamentos de Tindouf superan os 50 graos centígrados.

Esta iniciativa, á parte de ofrecer aos máis de 800 rapaces a posibilidade real de gozar dun verán de tempo libre, garante aos rapaces unha atención médica axeitada. Na súa estadía, as familias galegas de acollida compensan as carencias alimentarias que poidan presentar e reforzan a aprendizaxe do galego e do castelán, poñendo en contacto aos nenos con realidades que doutro xeito non coñecerían nunca.

Rapaces palestinos
Por outro lado, os nove nenos palestinos procedentes de campos de refuxiados que foron chegados a Compostela o pasado 22 de xullo xa están gozando dos seus primeiros días de vacacións no campamento Espiñeira de Boiro, onde conviven con outros nenos galegos.

Entre as distintas actividades que farán no campamento, destaca a representación dunha obra teatral que terá lugar o luns día 28 ás 18 horas na Casa Cultural de Boiro. “Fábulas da Espiñeira” é unha obra de creatividade colectiva entre nenos palestnos e galegos na que todos os pequenos participaron coa súa imaxinación.

Á parte de pasar unha semana no campamento de Boiro, os nove nenos palestinos asistirán a outras actividades organizadas pola Fundación Araguaney, quen se fai responsábel dos rapaces até o seu retorno a Madrid o vindeiro 16 de agosto.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: