XV edición da Mostra de Instrumentos de Música Tradicional, que congrega cada ano a numerosos artesáns do país para amosar o seu traballo.
A Asociación de Gaiteiros Galegos continúa na súa loita de divulgación e dignificación da cultura tradicional. Esta primeira fin de semana de agosto comeza a XV edición da Mostra de Instrumentos de Música Tradicional, unha festa na que non han faltar os gaiteiros, obradoiros, o baile tradicional e a foliada ate que o corpo aguante no marco dun dos festivais máis importantes de música tradicional de Galiza e do norte de Portugal, o Festival de Pardiñas (feira e festa da música e da arte).
Os artesáns de instrumentos musicais quitarán o po das ferramentas e vestiran coas mellores galas as súas obras para amosar ao mundo que a cultura tradicional galega aínda está viva na vixésimo novena edición do festival de Pardiñas. A vila de Guitiriz (Lugo) celebra como cada ano na primeira fin de semana de agosto unha das xuntanzas internacionais máis agardadas do ano.
Este ano vai ler o pregón inaugural Luciano Pérez, un convidado moi especial xa que foi el mesmo o que leu a clausura da I Mostra de Artesáns hai xa 15 anos. Luciano é mestre de taller e responsábel técnico da colección permanente de instrumentos musicais do Centro de Artesanía e Deseño da Deputación de Lugo.
O sábado contarán coa presenza de Tanxedoras, cinco rapazas de Vigo que traballan xuntas a prol da recuperación do legado musical de Galiza. No grupo non faltan a gaita, o acordeón e diferentes instrumentos de percusión galega: pandeiro, pandeira, tixola, legón, pandeireta, culleres…
Tamén haberá un Obradoiro de Baile Tradicional, da man de Montse Rivera, mestra desta disciplina e compoñente do grupo Leilía, e un novo Obradoiro de Construción de Xoguetes Sonoros dirixido por Luciano Pérez. A música chegará dende terras lusas, coa presenza de O Carriço, insigne gaiteiro de Coimbra que nos amosara o seu xeito tan particular de tocar a gaita. O Carriço, que mora na rúa coñecida coma “Rúa do Gaiteiro” conserva con 75 anos o seu talento e virtuosismo, co que protagoniza activamente as romaxes e saínzas da zona, converténdose en parte imprescindíbel da vida festeira, significando a importancia de sempre dos gaiteiros populares.
As actividades previstas para enriquecer a exposición están enfocadas han ser totalmente participativas, así pois haberá un escenario dispoñíbel durante todo o día para todos aqueles músicos que desexen tocar, e aqueles artesáns que queiran falar ou eses músicos que queiran facer algunha demostración da sonoridade dos seus instrumentos.
Consulta o programa da XV Mostra de Instrumentos de Música Tradicional aqui.