A plataforma de colectivos sociais avalía os últimos tres anos e critica a lentitude do Goberno en responder aos ataques ao medio ambiente "nunca antes coñecidos".
"Xa van tres anos dende as últimas eleccións para o Parlamento Galego. O
troco político que se produciu en Galiza pareceu, naquel momento,
esperanzador. Pero ó transcorrer do tempo, os feitos, as promesas
incumpridas, as políticas realmente desenvolvidas polo novo Goberno
mostraron, e mostran, que tal cambio non existe, que nunca existiu. Só
hai novas persoas repetindo as mesmas políticas de sempre. Cunha
diferenza: un sistema económico irracional, depredador e globalizado
exerce sobre o noso territorio e sobre a nosa cultura identitaria unha
presión máis forte que nunca.
E a nova administración, en vez de asumir as súas responsabilidades co
País, móstrase feble e servil cos grandes grupos de poder económico e
político. E mostra o mesmo desprezo pola democracia participativa que as
administracións anteriores. E a mesma incultura e falta de ética
territorial, social e ambiental. E no fondo, o mesmo ideario.
O resultado é unha degradación nunca antes coñecida, pola súa magnitude
e pola súa rapidez, do medio ambiente e da paisaxe, dos conxuntos
urbanos e rurais, do patrimonio histórico e da paisaxe cultural. Un
proceso que destrúe, cun ritmo aínda superior aos das etapas anteriores,
o territorio, os ecosistemas e a biodiversidade, a paisaxe identitaria,
a nosa memoria cultural e a das xeracións vindeiras. Un proceso que
destrúe, en suma, a identidade mesma do País.
Os plans e estratexias que se están a deseñar lévanos cara a unha Galiza
fortemente urbanizada e co rural abandonado, eucaliptizada, furada por
canteiras e infraestruturas e coa costa inzada de portos deportivos,
urbanizacións e instalacións de piscicultura que nada ten que ver coa
Galiza que coñecemos, e que desexamos que perviva, racionalmente
actualizada e mellorada, evidentemente, non somos escravos do pasado.
Dende Galiza Non Se Vende non queremos facer acusacións vagas. Non son o
sistema, unha administración nin un partido os culpables: son persoas
concretas que están a traizoar as promesas que fixeron, que están a
utilizar o seu posto nas administracións para favorecer intereses
privados, concretos, específicos, en contra do interese xeral,
incumprindo a lei e transgredindo os seus regulamentos.
A compra de vontades, a retribución aos medios de comunicación afíns ao
poder e a ineficiencia ou permisividade da xustiza han de ter un límite.
E o pobo, a cidadanía, asume a responsabilidade de dicir: xa está ben,
non enganades a ninguén, solicitamos a vosa destitución e a depuración
das vosas responsabilidades polos actos cometidos.
Dirixímonos aos órganos da que debera ser lexítima representación
popular, aos plenos dos concellos, ao pleno do Parlamento de Galicia, ao
pleno das Cortes Generales e ao pleno do Consejo del Poder Judicial.
Solicitamos a destitución dunha serie de cargos que consideramos
responsables das negativas políticas que mencionamos. Son persoas
concretas, están a incumprir os cometidos para os que foron nomeados e
podémolo demostrar. Como cidadáns que somos reclamamos unha xusta
resposta a nosa petición dende os órganos de representación popular".