Había sete atletas preparándose para participar. O organismo internacional ratificou esta semana unha primeira prohibición que emitira o pasado mes.
Localización do Irak
O Comité Olímpico Internacional (COI) confirmou a prohibición ao Irak para participar nas Olimpíadas de Beixín 2008, terminando coas esperanzas de sete atletas do país, que levaban un tempo adestrándose para competir este verán en China.
Nunha carta datada o 23 de xullo e dirixida ao ministro iraquí de Xuventude e Deportes, Jassim Mohammed Jaffer, o COI reafirmaba unha primeira prohibición imposta polo organismo olímpico o mes pasado. Deste xeito, e a pesar dos intentos das últimas semanas de mudar as cousas, o Comité Olímpico Iraquí queda excluído dos Xogos.
Dunha suspensión provisional a un veto irrevogábel
O 4 de xuño pasado o COI acordara suspender a participación do Irak de xeito provisional, por "interferencia" do goberno iraquí no deporte do país. Bagdad revogara, cun decreto do 21 de maio, as súas funcións ao Comité Olímpico do país, substituíndoo por un novo organismo, baixo a dirección do ministro Jassim Mohammed Jaffer, feito que foi interpretado polo organismo olímpico internacional como "unha clara ruptura" da autonomía do organismo olímpico iraquí.
Os convites dos deportistas iraquís foron retirados e, segundo conta a misiva do COI, "hánselle ofrecer a outros comités olímpicos nacionais".
A historia do Comité Olímpico do Irak
O Comité Olímpico Iraquí traballaba, antes de ser disolto este ano, sen ter formalmente un presidente despois de que o seu último dirixente, Ahmed al Hiyie al Samarrai, fora secuestrado o 15 de xullo de 2006, sen que se saiba aínda onde se atopa. A elección de Ahmed al Hiyie al Samarrai formalizara o olimpismo iraquí, tras outra suspensión que decretou o COI en maio de 2003, ao comprobar que Odei Hussein, fillo de Sadam Hussein e presidente do organismo, se preocupaba máis por castigar os deportistas disidentes
O COI readmitiu os iraquís en febreiro de 2004, xusto a tempo para que participasen nas Olimpíadas de Atenas, onde a selección masculina de fútbol conseguiu xogar pola medalla de bronce, que perdeu ante Italia por 1-0.