Durante catro días hanse xuntar atletas gais, lesbianas, bisexuais e transexuais na duodécima edición desta competición. Serán 5.000 deportistas en 28 disciplinas distintas.
A cidade de Barcelona acolle, dende esta quinta feira e até domingo, a duodécima edición dos Eurogames, as Olimpíadas para lesbianas, gais, bisexuais e transexuais. A cita, organizada pola "European Gay & Lesbian Sport Federation" (Federación Europea do Deporte Gai e Lésbico, EGLSF). ten 28 disciplinas deportivas, nas que van participar perto de 5.000 atletas.
É a primeira vez que a capital catalá acolle estes xogos, unha das actividades do Ano Europeo do Diálogo Intercultural e o meirande evento deportivo destinado a homosexuis e transexuais de todo o continente. Este campionato desenvólvese dende 1992, ano no que comezou, n'A Haia.
Este ano, nos Eurogames, ademais de practicar deporte, preténdese reivindicar a diversidade sexual cunha chea de actividades parellas aos Xogos que tratarán temas de interese dos diversos colectivos, como as enfermidades de transmisión sexual.