A Unión Europea está a estudar a posibilidade de instalar un panel solar no deserto saharauí, o que permitiría reducir as emisións de CO2.
A idea baséase no aproveitamento da enerxía solar que se podería producir no Sáhara, facendo uso do poder do sol do deserto. Tal podería ser a potencia aproveitada nesta zona desértica, que un pequeno panel solar podería chegar a subministrar a toda Europa de electricidade limpa. Así o afirman os científicos do Instituto para a Enerxía da Comisión Europea, que veñen de participar en Barcelona no Euroscience Open Forum 2008 (ESOF).
Segundo os seus estudos, o sol do norte de África xera até tres veces máis electricidade da que se podería producir no norte europeo cos mesmos paneis. De aí a petición de que se constrúan grandes granxas solares, ben fotovoltaicas, ben con concentradores de calor que permitirían ferver a auga que, á súa vez, faría prender ás turbinas. A proposta contempla a creación dunha gran rede que transmita a electricidade ao longo de toda Europa, con cables de alto voltaxe e corrente continua, o que, ademais, permitiría a aqueles países que teñen exceso de enerxía exportala máis facilmente.
Cuestión política
Os principais problemas para poñer en marcha esta iniciativa é a construción desta rede de transporte eléctrico, o que implicaría un traballo de reestruturación de infraestruturas en moitos países. Os cálculos científicos falan de moitos anos e moitos cartos: a previsión fala de 450.000 millóns de Euros para que o sistema estivese operativo en 2050.
A proposta conta co apoio político do francés Nicholas Sarkozy e do inglés Gordon Brown, quen xa se apuntaron a esta modalidade de enerxía renovable. Argumentan que, con este sistema, se evitaría o impredicible do clima, xa que o sol brillará nunha das granxas solares, se non o fai noutra.