A Xunta asina un convenio coa Confederación de Empresarios e os sindicatos CCOO e UXT para formar desempregados.
A crise que está a afectar aos sectores inmobiliario e da construción está a xerar cada día máis parados: en Galiza o desemprego ten experimentado un incremento do 6,67% no último ano. Para potenciar a súa recolocación noutras actividades, a Consellería de traballo achegará un total de 12,2 millóns de euros neste e no vindeiro ano. O obxectivo é que estes desempregados adquiran habilidades para empregarse en campos máis puxantes, fundamentalmente o naval, as enerxías alternativas, a agricultura ecolóxica ou o autoemprego.
O convenio vén de ser asinado polo conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Antonio Fontenla; o secretario xeral de Comisións Obreiras (CCOO), Xan María Castro; e o secretario xeral da Unión Xeral de Traballadores (UXT), José Antonio Gómez. Todos destacaron que o documento é froito do diálogo social, xa que segue as directrices do Acordo polo Emprego, asinado o ano pasado.
Plan de resposta ante o desemprego
Varela destacou que con este plan se dará resposta aos traballadores afectados pola situación actual do mercado de traballo. Facilitarase a incorporación dos demandantes de emprego a outro sectores: preferentemente enerxías alternativas, rehabilitación – restauración, manexo de maquinaria pesada, metal e agricultura ecolóxica. Esta aprendizaxe levarase a cabo a través de procesos formativos cos que se adquirirán as competencias necesarias para desenvolver o novo posto de traballo.
Asemade, realizaranse procesos de orientación, de cara a itinerarios personalizados de inserción profesional, dirixidos a todos os demandantes que se integren no plan. Tamén se incentivará o emprendemento, como fórmula de creación de emprego. Finalmente, o titular de Traballo tamén adiantou que se prevé a creación dunha compensación económica de 1.050 Euros para aqueles participantes que, no caso de carecer de rendas, non perciban ningunha prestación.