Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
BIOLOXÍA MARIÑA

Regular o número de bateas é fundamental para o futuro do mexillón

O CSIC vén de publicar un libro no que recolle os resultados do traballo de máis de vinte anos.

Redacción - 09:30 23/07/2008

O mexillón ten futuro nas nosas costas, iso si, sempre que se teñan en conta diferentes factores tanto biolóxicos, como tecnolóxicos ou socioeconómicos. Así o ven de revelar o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) nunha publicación que recolle os resultados das investigacións sobre o bivalvo en Galiza, levadas a cabo durante máis de vinte anos, por membros do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM) de Vigo.

En "Bioloxía e cultivo do mexillón" propóñense medidas como a busca de novas áreas que permitan o desenvolvemento do cultivo da especie ou o desenvolvemento dun programa específico para manter e mellorar a calidade da auga. Tamén inciden na importancia de regular o número de bateas da nosa costa. Na actualidade, en Galiza hai unhas 3.000 bateas, de 500 metros cadrados de superficie media, das que colgan unhas 500 cordas de dez metros de lonxitude, é dicir, 100 quilos de peso. A produción media por batea ascende a 50 toneladas de mexillón por ano.

Outros datos
O volume fai ademais un repaso da historia e métodos de cultivo do mexillón en Galiza, ao tempo que recolle as normas reguladoras que afectan ao seu cultivo e comercialización.

Tamén se analizan as enfermidades e parasitos que poden afectar ao mexillón durante o seu cultivo, como os péptidos antimicrobianos ou a marteilia, o parasito máis perigoso actualmente para este molusco.

A nivel mundial só China (38%) produce máis mexillóns que o Estado español (14%), onde o máximo e case único produtor é Galiza. Séguenlle Italia (8%), Dinamarca (5%) e Tailandia (5%).


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: