Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
MUNDO EDITORIAL

As revistas vólvense dixitais, o libro dixital achégase ao papel

A publicación Esquire integrará unha pantalla na portada da súa edición estadounidense de setembro.

Redacción - 12:50 17/08/2008

Mentres os libros dixitais se van parecendo cada vez ao papel, as publicacións en papel van confluíndo tamén co mundo dixital. A revista Esquire, na súa edición orixinal estadounidense, anunciou que sairá en setembro cunha cuberta escintilante. Para logralo levará unha pequena batería que alimentará unha pantalla coas palabras "o século XXI comeza agora".

Segundo o editor da publicación, David Granger, en declaracións ao New York Times das que se fai eco o Times de Londres, será un xeito de renovar a industria das revistas, que "basicamente leva tendo o mesmo aspecto dende hai 150 anos".

Porén, expertos no mundo editorial veno como unha innovación inútil e recomendan, no entanto, unha web ben deseñada, con boas imaxes e textos en profundidade. A innovación introducida por Esquire chega despois dun longo proceso: está producida pola revista en colaboración con E-Ink, empresa coñecida por fabricar o lector de libros electrónicos Kindle, de Amazon. Tamén tiveron que contratar un enxeñeiro chinés que fabricase unha batería que coubese na portada da revista.

Na China tamén se fabrican as baterías e a pantalla, que despois se envía a México, onde se introducen a man na revista. Despois, as revistas transpórtanse ao distribuidor, en Kentucky, nun camión refrixerado, para que non se gasten as baterías.

Aínda así, só 100 mil revistas levarán a innovadora cuberta, fronte ás 720 mil que ten de tiraxe Esquire, publicada nos EUA polo grupo Hearst.

Entre tanto, seguen a desenvolverse lectores de libros electrónicos, como o Kindle que Amazon lanzou en novembro ou o aparello que sacou á venda Sony un ano antes. As editoriais están a agardar a que apareza un modelo no mercado tan rompedor que pague a pena producir libros en formato dixital. Polo de pronto, está a ter certo éxito como soporte para a lectura o iPhone de Apple.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: