Xapón xa dispón dunha hora diaria en 3D e os EUA preparan unhas normas para contidos tridimensionais.
O televisor de Hyundai, cos lentes
Cando aquí aínda se está a acabar de implantar a TDT e a televisión de alta definición queda relativamente lonxe, no Xapón xa están a ter emisións en 3 dimensións. As persoas que posúan un televisor LCD da marca Hyundai, que acaba de saír ao mercado, poden gozar dunha hora diaria de programas tridimensionais no país nipón.
Pero a experiencia en 3D non será mediante avanzados hologramas, senón que será preciso dispoñer duns lentes especiais, máis ou menos como no cine tridimensional de toda a vida. Ademais, os posuidores dese modelo de televisor, que se verá acompañado en agosto doutro modelo de 32 polgadas, poden ver cada día, na canle BS 11, unha hora de deportes, documentais de viaxes ou de animais en tres dimensións.
Hyundai tamén prevé lanzar televisores de 50 polgadas ou meirandes, que permitirán ver as imaxes en 3D sen necesidade de poñer lentes. Outra empresa coreana, Samsung, tamén presentou en abril en Las Vegas modelos de televisores en 3D, aínda que non se puxeron á venda nos EUA por non haber programación dese tipo.
Por iso, a SMPTE, sociedade de enxeñeiros de televisión e cinematografía, xa están a traballar en fixar unhas normas que definan os parámetros dos contidos en 3D que se distribúan mediante ondas, cable, satélite, discos ou internet.