O Estado español, pola contra, perde o 0,8% de afiliados á Seguridade Social.
O censo de estranxeiros que chegan a Galiza para traballar continúa a medrar. Unha mostra son os datos que se desprenden das cotizacións á seguridade social, que no pasado mes de xuño ascenderon a 43.558 persoas. No Réxime Xeral contabilizáronse un total de 31.748 traballadores foráneos, mentres que como autónomos traballan outros 4.936. Ademais, 4.310 contratos a estranxeiros fixéronselle a empregados do fogar, 1.286 a traballadores do mar e 1.279 no sector agrario.
Dentro dos que cotizan no réxime xeral, cabe destacar os sectores da construción, onde se empregan o 29.2% dos estranxeiros; o da hostalería co 18,2%, ou o da industria manufactureira co 13,7%. Séguenlle por esta orde, os sectores do comercio, reparación de vehículos de motor, transporte, almacenamento e comunicacións.
A súa meirande parte proceden de países alleos á Unión Europea (24.561), mentres que 18.941 son de países comunitarios. Os portugueses son os que máis acoden a Galiza a traballar (12.942), seguidos dos colombianos (3.797), brasileiros (2.408), romaneses (2.241), marroquís (2.145), arxentinos (1.940), peruanos (1.797) e uruguaios (1.717).
Mais estranxeiros en Galiza, menos no Estado Español
Os que traballan aquí supoñen un 2% de todos os que o fan no Estado Español, unha cifra aínda lonxe da doutros territorios. Ademais, mentres o número de traballadores foráneos medra en Galiza, a cifra sofre un retroceso no conxunto do Estado Español. A media do pasado mes de xuño situouse nos 2.128.384 afiliados á Seguridade Social, o que, por quinto mes consecutivo, supuxo un descenso. Esta baixada débese, sobre todo, ao sector da construción, onde o número de baixas laborais foi moi elevado. No seu conxunto, baixou o número de traballadores estranxeiros nun 0,8%.
Os datos foron difundidos polo Ministerio de Traballo e Inmigración.