A mostra de teatro amador que se celebra en Fornelos da Ribeira (Salvaterra), chega á súa sétima edición.
Coincidindo coa celebración da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, na comarca do Condado hai anos que se vén organizando Móstrate, Mostra de Teatro Afeccionado. De dimensións e obxectivos abondo máis modestos, durante catro días a carballeira de Fornelos da Ribeira, en Salvaterra, recibe as representacións de compañías de teatro amador de todo o país, atraendo a atención dos interesados nas artes escénicas das comarcas veciñas.
O pasado ano, por exemplo, as obras tiveron unha asistencia media de 300 espectadores, o que garante a súa visibilidade social, malia á cativa atención dos medios de comunicación e ao limitado do seu orzamento. Do mesmo xeito, malia a estas dificultades, nalgunha das edicións anteriores chegou a organizarse un obradoiro de teatro para nenos. Todas as obras comezan ás dez e media da noite, con entrada de balde.
Programa de representacións:
Mércores 23, 22.30
Tarantela Teatro (Vigo): Vostede ten ollos de muller fatal
Xoves 24, 22.30
Aturuxo de Melpómene (Narón): Cometa, cometa, ...
Venres 25, 22.30
Sal-Monela Teatro (A Coruña): A cea dos idiotas
Sábado 26, 22.30
Avresno Teatro (Moaña): Historias íntimas do paraíso