Anunciouno este sábado o presidente da Unión de Asociacións de Titulares de Tecores, durante as X Xornadas polos Dereitos da Caza.
Os animais invaden as estradas, entre outras cousas, porque estas bloquean a súa mobilidade
O presidente da Unión de Asociacións de Titulares de Tecores (Unitega), Florencio Blanco, asegurou que están a negociar coas compañías aseguradoras unha "especie de seguro a todo risco, mais parcial" que cubra os condutores vítimas de accidentes de tráfico en que interveñan especies cinexéticas.
Ao inicio das X Xornadas polos Dereitos da Caza, este sábado en Compostela, Blanco explicou que se trata de que as compañías ofrezan unha cobertura subsidiaria complementaria para condutores que transiten por zonas de caza maior, de modo que a súa posíbel responsabilidade fique cuberta "en caso de que o condutor vaia circulando ben".
O debate sobre quen debe pagar os danos nestes accidentes de tráfico abriuse a partir da entrada en vigor en 2005 dunha lei que instituíu unha tripla responsabilidade. Por unha parte, do propietario da vía ante unha posíbel mala sinalización ou falta de visibilidade causada pola maleza; do condutor, en caso de exceso de velocidade e condución baixo os efectos do alcol ou outras substancias; e do tecor se está en período de caza.
"Antes o responsábel era sempre o tecor", indicou o presidente de Unitega, quen considerou "necesario" o citado seguro porque "se a estrada está ben, o condutor vai ben e no tecor non hai caza, os danos do accidente non se lle poden imputar a ninguén".
Criterio xudicial
Neste senso, o presidente da Sección Sexta da Audiencia Provincial da Coruña, Anxo Pantín, que participou como relator, considerou que os seguros deben solucionar a falta de cobertura dun condutor "que pode quedar impedido logo de topar cun xabarín na estrada en metade da noite".
Na súa intervención nestas xornadas, Pantín aborda as modificacións lexislativas neste eido e os criterios interpretativos que seguen os tribunais para dirimir responsabilidades nos accidentes de circulación; así como do aumento nas primas dos seguros derivadas das decisións xudiciais.