Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Máis do 70% da superficie de uso forestal

Os eucaliptos ocupan xa case a metade da comarca da Mariña

Esténdense alén das 61 mil hectáreas e a bisbarra do norte de Lugo só ocupa 139 mil. É doado comprobalo cunha soa ollada, mesmo a carón do mar.

Redacción - 11:45 18/07/2008
Un piñeiro e un eucalipto / Flickr: dorfun

Un piñeiro e un eucalipto / Flickr: dorfun

Hainos mesmo á beira das praias, nalgunhas zonas, ocupan hectáreas de monte, ou métense a carón das casas. Un pequeno percorrido pola comarca da Mariña resta para ver até onde chegan as plantacións desta árbore, que agora ocupa case a metade da superficie total da bisbarra luguesa.

A Mariña ten 139.475 hectáreas de extensión distribuídas en quince concellos. Destas, máis de 61 mil están ocupadas, unicamente, polos eucaliptos. A causa: medran rápido e isto aumenta a súa rendibilidade, Os problemas: desecan o solo, acidifícano e mesmo chegan a esterilizalo e a desmineralizalo nalgunhas zonas, co cal non deixan medrar outras plantas ou árbores na súa contorna, agás as poucas que soportan un chan destas pobres características.

Máis do 70% da superficie forestal son eucaliptos
Datos do Plan de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais elaborado pola Consellaría de Medio Rural permite comprobar que preto do 79% da Mariña é de uso forestal, unhas 110 mil hectáreas. Contando as 61 mil de monocultivo e as existentes de cultivo combinado con piñeiros e árbores autóctonas, o eucalipto chegaría a se estender por 78 mil hectáreas, máis do 70,9 por cento da superficie de uso forestal.

Para saber con que se enchen o resto de hectáreas da bisbarra, velaquí os datos: os núcleos de poboación da bisbarra (que seguen a medrar descontroladamente na zona da costa) ocupan preto de 1.600 hectáreas; 27 mil hectáreas son empregadas para os traballos agrícolas; e os ríos, os embalses, as marismas e os lagos ocupan unhas 823 hectáreas. Ademais, hai case 14 mil hectáreas protexidas pola Rede Natura 2000 ou outras figuras de protección.


5/5 (6 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: