A Xunta decide non ter en conta un foco de acidez causado por Endesa.
Pasado máis de un mes do desastre do Chamoselo, a recuperación do río Eume parece non chegar. Recentes medicións no río confirman que na zona do desastre se rexistran niveis de acidez fóra do normal (pH 5.1), un pH 100 veces máis acedo do considerado saudábel (pH 7.0). Este “choque acedo” é o responsábel da morte da vida piscícola do río, posto que a meirande parte do peixe morre antes de alcanzar ás Cañotas. Os macroinvertebrados do fondo do vaso tamén padecen as consecuencias do aumento da acidez nas augas no río e na ría.
Augas abaixo, a trinta quilómetros da desembocadura do Chamoselo, se rexistran os valores de pH aínda máis acedos, xustamente na saída do encoro da Capela, onde a empresa Endesa supostamente ven de realizar operacións de “limpeza de fondos”.
A Xunta mantén a súa postura atribuíndo o aumento da acidez no río ás obras da autovía Ferrol-Vilalba, onde o Chamoselo verque augas de acidez extrema no Eume (pH 3.1). Tendo en conta que este verquido se dilúe ao longo de máis de trinta quilómetros até alcanzar niveis de acidificación do pH 5.2, non resulta descabelado pensar que podería existir outra causa non recoñecida.
O foco de acidez da Capela podería estar relacionado coas operacións de baleirado de lamas e sedimentos para aumentar a capacidade do encoro que podería ter realizado Endesa aproveitando a axuda desinteresada que ofreceu para solucionar o problema do verquido de Chamoselo. A Consellaría de Medio Ambiente descarta esta posibilidade, polo que ADEGA pide que as operacións realizadas pola concesionaria no encoro do Eume sexan investigadas para dar unha explicación ao estado actual no que se atopa o Eume.