As novas tecnoloxías e a xestión asociativa fai que pervivan as radios libres, malia a falta de fondos, ameazas de peche e ocupacións do seu dial.
"Facemos verdadeiros malabarismos para seguir existindo", explican desde Radio Funghi, emisora libre barcelonesa. "O que nos define é que o funcionamento deste tipo de radios xestionámolo todos e todas os que participamos activamente na vida da emisora". Non dependemos de ningún goberno nin de ningunha empresa por iso temos liberdade. Iso é moi bo por unha banda, pero sempre temos o hándicap do financiamento, que no noso caso é participativo, é dicir, todos e todas pomos o diñeiro", engaden.
Así, tal e como explica a Wikipedia, o termo radio libre pode referirse a distintos tipos de emisoras de radio, pero o que une a todas estas emisoras é que son independentes e non teñen intereses lucrativos. No Estado Español comezaron a xurdir hai case trinta anos e dende entón desenvolvéronse un bo número de radios culturais, sen fins lucrativos; radios comunitarias, de contido social; radios piratas, de frecuencia ilegal ou usurpada; e, ata, radios autoxestionadas, dirixidas por voluntarios.
As reivindicacións por unha vivenda digna, a protección dos animais, o encontro entre comunidades de veciños, a inclusión social a través da música son algunhas das temáticas dos programas destas radios que, ata hai poucos anos, adoitaban utilizar a Frecuencia Modulada e acostumaban ter unha cobertura local na cidade dende a que transmitían.
Novas tecnoloxías e vellas reivindicacións
Hoxe a maioría subíronse ao carro das Tecnoloxías da Información e a Comunicación, entre as temáticas dos programas atopamos a cultura libre e as posibilidades das novas tecnoloxías e, ademais, emiten a través da rede, co que poden chegar practicamente a calquera recuncho do planeta. E aínda que evolucionaron, algunhas reivindicacións seguen sendo as mesmas: aínda non hai unha cobertura legal que as protexa e que defenda o seu espazo radiofónico.
Radio P.I.C.A, Radio Bronka e Contrabanda FM, en Barcelona, Radio Topo, en Zaragoza, Radio Cadena del Water, en Madrid, Hala Bedi en Euskadi; e Radio Klara, en Valencia, son algunhas das emisoras decanas no estado español, pero a lista é moito máis extensa.
Practicamente todas as provincias contan con algunha radio libre ou comunitaria. Na web de Radio Bronka podes atopar un bo número de links e até unha guía para saber que tes que facer se queres facer un programa nesta emisora. En Ás barricadas tamén podes atopar un recompilación de radios autoxestionadas no Estado Español.