O palista galego vai ir diante, desfilando na cerimonia de inauguración dos Xogos Olímpicos, coa bandeira oficial española. O primeiro elixido fora o ximnasta Gervasio Deferr.
David Cal en Atenas 2004
Foi todo, ao parecer, por cuestións de axenda. O primeiro escollido polo Comité Olímpico Español (COE) fora o ximnasta Gervasio Deferr, mais este decidiu renunciar "polo ben do equipo" e do del propio, que competía xusto un día despois do desfile, e aparecer no acto podería afectar os seus planes de repouso.
Daquela, segundo revelou esta quinta feira o presidente do COE, Alejandro Blanco, pensouse no ciclista Joan Llaneras e no piragüista David Cal a un tempo, posto que ámbolos dous conseguiron un ouro e unha prata na pasada edición das Olimpíadas, en Atenas 2004.
Dado que Llaneras tiña tamén problemas de axenda, xa que compite máis tarde que Cal, co cal, desprazarse a Beixín antes tamén había afectar os seus plans de preparación, pensouse no galego. Finalmente foi o palista de Aldán o escollido, o que terá que desfilar á fronte da delegación española co sombreiro de palla e a bandeira oficial.
David Cal partirá cara Beixín o vindeiro 6 de agosto. Os Xogos Olímpicos comezan o día 8 e as probas nas que compite o galego son o día 18 de agosto.