Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Tipificado como "crime de guerra"

O Exército de Colombia usou o emblema da Cruz Vermella na 'Operación Jaque'

O presidente, Álvaro Uribe, recoñeceuno esta cuarta feira logo da información publicada pola canle de televisión CNN.

Redacción - 09:50 17/07/2008
Imaxe pendurada na web de CNN

Imaxe pendurada na web de CNN

A operación levada a cabo polo Exército colombiano que permitiu a liberación de Ingrid Betancourt e outros 14 retidos polas FARC volve estar en cuestión, logo de se probar que os militares usaron o emblema do Comité Internacional da Cruz Vermella (CICV).

O presidente de Colombia, Álvaro Uribe, recoñeceuno logo de que a canle de televisión estadounidense CNN difundiu imaxes da denominada Operación Jaque, e informou de que un dos militares que participou no rescate intentou vender o vídeo que probaba este mal uso.

Porén, o mandatario colombiano non lamentou o acontecido. Pouco antes, o vicepresidente, Francisco Santos, dixo estar "absolutamente convencido" de que a información era falsa. Uribe asegurou que un soldado -que non será sancionado- puxo o emblema "por nerviosismo e contradicindo ordes oficiais".

Violación da Convención de Xenebra

De acordo coas normas do Dereito Internacional Humanitario, o uso deste emblema en operacións distintas ás humanitarias considérase unha "perfidia" e unha violación da Convención de Xenebra, polo que pode ser sancionada polos tribunais internacionais como un "crime de guerra".

"A utilización de helicópteros brancos e algúns disfraces que puideron ter similitude con organizacións humanitarias e internacionais para unha operación de rescate no é un acto pérfido", dixo o director da oficina de Dereitos Humanos do Ministerio de Defensa, o coronel Juan Carlos Gómez.

Primeiras denuncias, a semana pasada
As presións sobre o goberno de Colombia comezaron a semana pasada, cando o avogado do guerrilleiro César, un dos dous membros das FARC arrestados no operativo, afirmou que o seu defendido decidiu subir ao helicóptero porque este portaba o emblema da Cruz Vermella, así como que se simulou a presenza da canle de televisión Telesur.

Por outra banda, o ministro de Relacións Exteriores de Colombia, Fernando Araújo Perdomo, ex refén das FARC, presentou a súa dimisión. Ao parecer, a súa saída foi acordada o mes pasado. O cargo será ocupado polo xurista e xornalista Jaime Bermúdez Merizalde, considerado "un dos homes próximos" a Uribe e que o levou por primeira vez ao poder nos comicios de maio de 2002.


3,2/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: