O filme é unha adaptación da novela de Xabier Docampo e pretende tratar o público como "espectadores intelixentes".
Comezou en Baio a rodaxe do filme infantil A casa da luz. A produción, baseada na novela de Xabier Docampo, é o novo proxecto do produtor Xosé Xoán Cabanas Cao e está dirixida por Carlos Amil.
A casa da luz será unha das primeiras longametraxes de imaxe real dedicadas á infancia que se realizan no país, e rodarase integramente en galego. O proceso de filmación está a ter lugar no verán para coincidir coas vacacións escolares do cadro actoral, formado principalmente por rapaces de 8 a 13 anos.
A novela en que se basea o filme narra a aventura dun grupo de nenos utilizando como fío condutor a desaparición dun amigo nun mundo descoñecido e misrerioso. A adaptación foi realizada por Carlos Amil e Xosé Xoán Cabanas, que cualifican a película de "imaxinativa, pero non de fantasía" e que tratará o público obxectivo, os nenos, como "espectadores intelixentes".
É o segundo filme de Amil, despois de Branca Madison (2003). O seu obxectivo é "facer un proxecto de raíces absolutamente galegas, aínda que sen renunciar á vocación internacional". Tamén adiantou o director que será "absolutamente novidosa na cinematografía española e será moi ben recibida".
Na vila do concello de Zas ten lugar a primeira parada da rodaxe da película. Na carballeira de Baio instalouse o antigo pesqueiro Antonio Manuel, que será a vivenda dun dos personaxes da historia. Nas próximas semanas rodaranse na localidade algunhas das escenas máis importantes do filme.
O resto da rodaxe desenvolverase noutras zonas do país, como o contorno de Betanzos, até a finalización desta fase da produción, prevista para setembro.