A empresa de telemárketing anunciouno a semana pasada sen comunicarlle á representación sindical o número de persoas afectadas, denuncia a CIG.
Unha mobilización anterior
A semana pasada o xefe de recursos humanos da empresa de telemárketing Bosch Communication Center en Vigo anunciou o que a compañía cualificou como "despedimentos masivos", debido á "baixada da carga de traballo". Segundo denuncia o sindicato CIG, o pasado venres producíronse os primeiros.
A compañía xermana dálles emprego a 1.200 persoas das que un 85% teñen contratos temporais e 700 son vía ETT. "Os incumprimentos do Convenio, as sancións e os despedimentos son unha constante na actuación desta multinacional", afirman dende a CIG que xa o ano pasado presentara conflito colectivo.
O sindicato nacionalista sinala que ao longo das últimas semanas Bosch xa viña despedindo a persoal das mesmas campañas, alegando unha "baixada voluntaria do rendemento". Mais foi a pasada cando se produciu o anuncio dos "despedimentos masivos", sen comunicarlle á representación sindical o número de persoas afectadas, apuntan.
Bosch puxo en marcha en 2007 un centro de chamadas en Arxentina que dá emprego a día de hoxe a 150 persoas que atenden a clientela do Estado Español; a campaña de Orange -que aparentemente é a máis afectada polos despedimentos en Vigo- xa está a ser atendida dende Bos Aires. Para a CIG isto demostra que a maioría dos despedimentos son froito dun proceso de deslocalización (outros, para evitar dar vacacións), e anuncian mobilizacións.