A lingua, a música, a ciencia, o patrimonio, o pensamento e as artes, novas áreas de atención do CCG
A reestruturación do Consello da Cultura Galega dispón a creación de seis departamentos e a designación dos seus coordinadores. Da 'Lingua, Literatura e Comunicación' encargarase Víctor F. Freixanes; a sección 'Música e Artes Escénicas' será encomendada a Ramon Castromil Ventureira; a 'Ciencia, Natureza e Sociedade' recae sobre Francisco Díaz – Fierros; 'Patrimonio e Bens Culturais' contará con Iago Seara como coordinador; do 'Pensamento e Sociedade' encargarase Ramón Máiz Suárez; e a 'Creación e Artes Plásticas' será o cometido de María Luísa Sobrino.
Cada sección contará cun máximo de quince integrantes e estarán constituídas no mes de setembro. Ademais, o novo regulamento fixa dous períodos de catro anos para todos os membros e cargos da institución.
Liñas de actuación
Os temas que orientarán a programación do Consello da Cultura Galega para o vindeiro ano serán a diversidade cultural de Europa, a pluralidade cultural ibérica e a posición de Galicia en países de lingua portuguesa. Do mesmo xeito, continuarase co apoio ás actividades da Asociación Internacional de Estudos Galegos, realizaranse informes sobre algúns contidos concretos da Cidade da Cultura e organizaranse foros de debate e ciclos. Un destes encontros adicarase á persoa de Ramón Piñeiro, primeiro presidente da Institución e figura a quen este ano será homenaxeado no Día das Letras.