O Índice de Prezos ao Consumo medrou 6 décimas o mes de xuño, facendo que do ano pasado a este subise catro décimas.
O Índice de Prezos de Consumo (IPC) experimentou un aumento de seis décimas o pasado mes de xuño (respecto a maio), situándose, deste xeito, a taxa interanual no 5,4 por cento en Galiza, o valor máis alto rexistrado dende xuño de 1995.
Os datos feitos públicos esta sexta feira polo INE confirman que, tras sete meses consecutivos cunha inflación movéndose entre o 4,1 por cento e o 4,6, por primeira vez en 13 anos chegouse o limiar do 5 por cento (pasando del no noso país), unha cifra abondo lonxe do obxectivo que o goberno español agardaba conseguir no conxunto do ano: o 2 por cento.
A culpábel: a suba dos combustíbeis
O causante da suba do IPC é, en gran parte, o crecemento dos prezos dos carburantes e lubricantes, que tiveron especial incidencia nos prezos do transporte. En Galiza o transpote subiu un 1,9 en xuño, a vivenda un 1,0 por cento, e os alimentos e as bebidas non alcólicas un 0,8 por cento, sendo estes tres produtos os principais autores do crecemento do IPC no noso país.
Por provincias, foi en Pontevedra onde menos subiu o IPC en xuño, un 0,5 por cento fronte ao 0,7 que rexistraron A Coruña, Lugo e Ourense.
Outras cifras
A inflación subxacente, que é aquela que non inclúe os prezos dos produtos enerxéticos nin dos alimentos non elaborados, mantívose nun 3,3 por cento en xuño en todo o Estado, a mesma cifra que a rexistrada en maio.
Por outro lado, o Indicador de Prezos de Consumo Harmonizado (IPCH) chegou, en xuño, ao 5,1 por cento interanual en todo o Estado, catro décimas máis que en maio.