Os dous gobernos comprometéronse a fomentar os trámites a través da rede e a promocionalos tamén no eido local.
Evangelina Naranjo
Os gobernos de Galiza e Andalucía colaborarán no impulso da administración electrónica. Será grazas ao convenio asinado entre o conselleiro da Presidencia, Xosé Luís Méndez Romeu, e a conselleira andaluza de Xustiza, Evangelina Naranjo, polo que a Junta cederá de xeito indefinido e de balde software das súas plataformas de e-administración.
Nunha nota emitida polo goberno andaluz, saliéntase que Galiza se poderá sumar "ao impulso modernizador dos sistemas de xestión administrativa e calidade dos servizos desenvolvidos en Andalucía". O convenio tamén contempla que os dos gobernos fomenten actuacións para achegar a administración electrónica á cidadanía.
A Consellaría de Xustiza e Administración Pública de Andalucía xa lle cedeu o software a 102 organismos, co fin de impulsar un labor máis "cómodo, eficaz e eficiente" dos seus trámites habituais mediante a e-administración. Deste xeito, poderase unificar a xestión dos documentos recibidos a través de calquera medio e notificar de xeito eficaz os usuarios do servizo.