Desde a CIG-Ensino advirten de que non descargan de traballo os colexios e critican que obriguen os centros "a dirixirse a eles en español".
"Non só non atende os centros escolares de Galiza no seu idioma, senón que tampouco os descarga de traballo ningún", analizan esta semana desde CIG-Ensino sobre o novo procedemento de xestión licitado pola consellaría de Educación para o servizo de préstamo de libros de texto. O sistema, para o que foi xa contratada unha empresa, cústalle á administración 450 mil euros, e na opinión da formación sindical estase desenvolvendo con múltiples eivas.
Segundo explican, a empresa non lles estaría permitindo aos centros deixar tramitado o traballo para setembro, o que na opinión do sindicato "redundará negativamente na tramitación da prestación, pois contarán con menos tempo para realizar o trámite". "E vai coincidir coa posta en marcha do próximo curso, o que vai dificultar un e outro traballo", engaden.
Ademais, o sindicato pídelle á consellaría que "obrigue" a empresa contratada a respectar o dereito ao uso do galego por o centros. "Ao mesmo tempo continuamos reclamando a dotación de persoal administrativo nos centros de Infantil e Primaria e no seu incremento nos de Secundaria", recordan.
Un servizo acordado con editores e libreiros
O procedemento que está en marcha cara ao curso 2008/2009 foi no seu momento acordado pola Consellaría de Educación xunto coa Asociación Galega de Editores e a Federación de Libreiros de Galicia, aínda que durante a presentación, todos eles recoñeceron que é necesario seguir avanzando na mellora do sistema de gratuidade.
O obxectivo fundamental é que exista un servizo de xestión que desenvolva unha empresa colaboradora que realice o papel que antes exercían as propias escolas "liberando así de carga de traballo aos equipos directivos", segundo explica Educación. Ademais, introdúcese o "cheque de gratuidade", demandado polo sector, é dicir, as familias reciben un cheque polo importe máximo a canxear e deberán facelo directamente nas librarías que participen no sistema. Esas cantidades máximas móvense entre os 150 e os 250 euros. Por posíbel deterioro dos materiais escolares fíxanse cantidades adicionais de entre 17 e 25 euros.